
As cantareiras non faltarán nunha programación na que se inclúe teatro, cine, libros, artesanía e embarcacións tradicionais
12 may 2025 . Actualizado a las 15:33 h.Aínda que a conmemoración é o día 17, a festa das Letras Galegas prolóngase durante todo o mes de maio e é nesta semana que empezou cando se concentra a maioría das actividades. Estas son as programadas polos concellos e asociacións.
vilagarcía
Ata o día 24 e todo de balde. As propostas esténdese ata o día 24 e todas son de balde. As actividade comezaron a semana pasada e estenderanse ata o 24 de maio. A próxima cita este mércores 14 no Salón García ás 20 horas coa proxección de Filmei paxaros voando, un documental que trata o regreso da directora Zeltia Outeiriño á súa Galicia natal. O venres 16 ás 11 horas arrancará o Festival escolar das Letras Galegas no auditorio e pola tarde, ás 20 horas o C.A.D. O Gato Negro de Carril acollerá a presentación do libro de poemas Meridiano orixe, de Andrea F. Maneiro. Unha hora máis tarde, o Salón García acollerá Aquí as fabas, a caldeiradas, de Abázcaro Teatro, unha función que fala, en clave humorística, dunha rapaza que aparece en escena moi nerviosa porque ten que oficializar a relación co seu mozo diante da súa familia. O día 17 Carril será o epicentro da programación cultural: ás 11 horas iniciarase co pasarrúas a cargo de Malveiras, seguida dunha sesión de baile e ás 12.30 horas será a ofrenda floral a Rosalía de Castro; seguirá a actuación das Cantareiras Bulideiras de Fontecarmoa e, por último, ás 13.30 horas Lúa Mosquetera ofrecerá un concerto co guitarrista Pablo Seijas. O día 24 os cativos están citados na biblioteca municipal ás 12.30 horas para desfrutar do contacontos Polo Correo do Vento e un obradoiro de debuxo. Ás 19 horas, no auditorio representarase a obra Fala falangueira, de Matrioshka Teatro.
cambados
Conversas literarias e embarcacións tradicionais. A segunda quincena do Mes das Letras Galegas arranca o venres 16 coa tradicional ofrenda floral no paseo da Calzada, ás 11 horas, coa participación dos centros de ensino e autoridades; pola tarde, ás 20 horas, representarase no auditorio Seis, Lorca en Galicia; o sábado terá lugar outro clásico das Letras Galegas, o concerto da Banda de Música de Castrelo no parque de Torrado ás 12 horas, para dar paso, ás sete da tarde no Salón Peña, ao Festival de música e baile Con de Xido. Do 16 ao 18 de maio celebrarase na praza de Fefiñáns a Mostra de Embarcacións Tradicionais e o domingo 18 Avelaíña Teatro presenta A Lola ás 19 horas na Xuventude; o día 23, Inma López Silva e Tobías Betanzos protagonizarán as Conversas Literarias, ás 20 horas na biblioteca Luis Rei; o sábado 24 actuará o grupo Chaveta en Torrado a partir das oito da tarde e o martes 27 volve a actividade á biblioteca municipal con Teatro Migallas e Brincadeiras da Lingua. O sábado 30 péchase a programación cultural con Música e Versos, ás 19.30 horas na Praza do Con de San Tomé a cargo de Banda de música do conservatorio e escola municipal de música de Cambados.
O Grove
Feira do libro e música. Logo dos obradoiros para os estudantes o programa «Ler Conta moito» con María Faltri e a pandeireta na man este martes na axencia de lectura de San Vicente; e o 23 ás cinco e media da tarde haberá contacontos ilustrado na biblioteca municipal, Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas a cargo da compañía Polo Correo do Vento, un espectáculo dirixido a nenos a partir dos cinco anos para o que é necesario anotarse. O 16 de maio, ás sete e media da tarde, as pandeireteiras de Cinco en Zocas ofrecerán unha charla-concerto que leva por título Cantareiras: a poesía popular dende a tradición á vangarda e o 30 de maio, tamén ás sete e media, está programada a presentación do libro A casa da Mina, de Maica Gorgal. O Día das Letras Galegas, se a climatoloxía non o impide, ás once de mañá abrirán as casetas da Feira do Libro Galego na rúa Alcalde Xacobe Barral a cargo do Espazo Lector Nobel O Grove. E ás doce haberá contacontos musical, As historias de Bemol pequeno, da man de Música Miúda que en caso de mal tempo levarase á biblioteca. Pechando a xornada, a asociación cultural Cantodorxo celebrará con música e baile tradicional a súa XIII Festa das Letras Galegas, na Praza do Corgo a partir das seis da tarde.
vilanova
Maxia para os cativos. O programa da Xunta Ler conta moito volve a Vilanova, agora con Maxia entre liñas para amenizar o día festivo aos máis cativos. Será ás 19 horas do sábado 17 diante da biblioteca e, en caso de mal tempo, na antiga igrexa da Pastoriza.
Meis
De romaría. O Concello organizou a segunda edición da Romaría das Letras Galegas para sábado 17, partir das 11 horas na Finca de Parga onde habilitaranse mesas e unha cantina a cargo do club Zacande para facilitar que as familias poidas pasar alí o día. A música empezará a soar ás 13 horas coas cantareiras Madialeva e despois de comer, ás 18 horas, será a quenda das pandeireteiras de San Lourenzo e do grupo folclórico O Trevo. O peche correrá a cargo do grupos As Lembranzas, que actuarán da man do programa Máis Música da Deputación de Pontevedra e aproveitarán a ocasión para estrear en directo os temas nos que colaboran co rapeiro coruñés Habló Pablo. Na Finca de Parga poderase ver tamén ese día exposicións cos traballos das mulleres rurais e a mostra que recompila a investigación de Ana Vázquez sobre o uso de inscricións en galego nos cemiterios de Meis.
A Illa
Mirando ao mar. A O día 17 terá lugar unha nova entrega de «As letras no mar» organizada pola Escola de Navegación Tradicional ACD Dorna e a Sección de Música e Baile Tradicional. A festa comezará ás 12 horas cun pasarrúas desde a Escola de Pau ata a praza do Regueiro, onde haberá unha actuación para seguir coa música ata o Xufre para a lectura do pregón e a botadura das embarcacións. Pola tarde, a partir das 18 horas, haberá outro pasarrúas desde a Escola de Pau ata o Regueiro onde Troula ofrecerá o espectáculo Circo Krasnovarak Haberá agasallos para os cativos e cantos populares do grupo Dorna. Pola súa banda, a biblioteca municipal volve decorar o Xardín das Traballadoras da Conserva, desta volta para festexar as Letras Galegas con cunchas de vieira decoradas polos nenos.
ribadumia
Gala Ribadumienses a prol do galego. O 17 de maio terá lugar a VIII Gala-Homenaxe «Ribadumienses en prol do galego», ás 20.30 horas no auditorio municipal. Ao día seguinte, no mesmo lugar ás 18.30 horas celebrarase o tradicional concerto da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia polo Día das Letras Galegas, organizado pola Agrupación en colaboración co Concello e a Escola de Música de Ribadumia.
meaño
Música en Dena. Logo da festa de onte na casa da cultura, a cita está o día 17 ás 12.30 horas no centro social de Dena coa actuación o alumnado de Linguaxe musical, a aula de Guitarra da Escola municipal de música e do grupo da Asociación Cultural Penaguda baixo o título As cantareiras e a poesía popular oral.
catoira
Coas cantareiras. O venres 16 ás oito da tarde será a presentación do libro Alejandro Viana, de Roberto Mera. O sábado 17 ás 19.30 horas terá lugar o Concerto das Letras Galegas da Banda de Música de Catoira dedicado á poesía e á tradición oral das cantareiras. O luns 19 ás 12 horas haberá un concerto-obradoiro de Jara Ortiz titulado Rosalía cantareira, dirixido ao alumnado de primaria.
Pontecesures
Tapas e gatos. O venres 16 a celebrarase na Plazuela a partir das catro e media da tarde unha actividade singular, o «Troco solidario», que permitirá intercambiar unha bolsa de penso para gatos por ata tres libros da biblioteca municipal. Ademais, durante a fin de semana toca probar as «Tapas das Letras Galegas» en seis bares e cafeterías da localidade —Telebar, O Choco, Carabela, Reencontro, Casa Chaves e Tapeo de Licho— a un prezo único de 3,50 euros. Pola súa banda, a asociación Xarandeira organiza un festival de musica e danza tradicional que contará coa participación da asociación San Pedro de Carcacía e no que se dará especial relevancia ás cantareiras.
Valga
Correndo pola lingua. O Concello organizou un concurso de microrrelatos entre estudantes do instituto e o xoves celebrarase a Carreira pola Lingua coa participación dos estudantes de primaria e de secundaria. O venres terá lugar no auditorio municipal o Certamen Intercentros e para o día 23 organizouse unha homenaxe a cantareiras e pandereiteiras de Valga.