O IES Monte da Vila encherá o venres A Lanzada de dragóns alados de area

l. castro O GROVE / LA VOZ

AROUSA

13 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As Esculturas de Area volverán emerxer este venres 16 de maio na praia da Lanzada, da man o IES Monte da Vila. O evento, que acada xa a súa décimo novena edición, xirará desta volta arredor de dragóns e de seres alados, para que alumnos chegados dende toda Galicia poidan poñer en práctica a súa creatividade creando enormes figuras, como xa é tradición cada primavera.

A actividade, impulsada polo departamento de artes plásticas do centro grovense, ten unha marabillosa acollida por parte dos centros de ensino de Secundaria e soe xuntar no areal meco a máis dun cento de estudantes que, en grupo,

constrúen maqueta en man as súas esculturas. Desta volta participarán na cita o IES As

Bizocas, IES de Meaño, IES de Vilaxoán, IES de Teis, IES Politécnico de Vigo, IES Pedras

Rubias de Salceda de Caselas, IES Illa de San Simón, IES Pino Manso de Porriño, IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra e IES Fernando Blanco de Cee.

A xuntanza servirá para exercitar os seus coñecementos en torno a volumes e formas, dar renda solta á imaxinación creando un universo de fantasía e compartir experiencias con outros alumnos.

Adeus coa marea

Esta mostra de arte efémero, que se forxará durante toda a mañá a ollos dos viandantes na zona do Sanatorio, desaparecerá ao subir a marea.