
O toxo está considerada a máis agresiva das cen plantas invasoras del mundo
27 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Pois si, pola rúa Castelao vense negros. E en Nova Celandia tolean para eliminaren o toxo. O mesmo lles pasa nas Canarias e en Hawai. Os neocelandeses teñen culpa porque tiveron a ocorrencia de trasladar desde este Atlántico ata o seu Mar de Tasmania ao noso toxo para faceren sebes barateiras. E esta planta aproveitou a ocasión, inzoulles as illas e agora non son quen de erradicala. Pásanos por aquí coas acacias, que fixeron unha viaxe máis ou menos desde aquelas antípodas. E é que o toxo (Ulex europaeus), orixinario da costa atlántica de Europa e do noroeste de África, é unha das cen plantas invasoras máis perigosas do mundo, agresivo, altera paisaxes e a composición da terra de cultivo e, ademais, o lume favorece a súa rexeneración. E nós, convivindo con el desde que o mundo é mundo e buscándolle utilidade; por poñer: para formar esterco, comida de cabalos e ovellas ou abono do monte. Incluso hai estudos actuais para convertelo en enerxía, ou extraerlle diversas compoñentes. Mentres, Sri Lanka, Perú, Costa Rica, Ecuador, México, Panamá, Brasil, Colombia, Nova Celandia, Washington, Hawaii, Chile, Perú ou Arxentina andan preocupados para controlaren a súa propagación. Os hawaianos están fartos de quereren eliminar o toxo con herbicidas, con remoción manual ou con queimas. E non son quen. Porque é un mantra universal que hai que suprimir as especies invasoras que compiten e chegan a eliminar ás autóctonas. Que nolo expliquen a nós coa Herba da Pampa, ou co eucalipto. Pola rúa Castelao vense chinos a falar polos móbiles. Contan, os que din saber destas cousas, que iso de que o toxo creza en Hawaii, como se medrase pola Siradella, éche cousa da globalización, da tecnoloxía, das características comúns dos terreos, e da intervención humana nos ecosistemas e parece ser que neses lugares alleos progresan —pola rúa Castelao tamén pasan suramericanos en patinete— e disque é polas súas vantaxes reprodutivas, a tolerancia ambiental e a habilidade competitiva. O toxo, que pode alcanzar ata catro metros de altura, está cheo de espiñas pero bota flores amarelas dúas veces ao ano para iluminar as abas dos nosos montes. A esas flores aquí chamámoslles chorima, pero unha fermosísima canción popular —que non sei se a interpreta mellor María do Ceo ou Lorena Lores— di que se denomina alecrín; é confusión porque, tanto aquí como en Portugal, ese é o nome da flor do romeu, unha planta que chegou desde o seco Mediterráneo. A reprodución do toxo pódese producir, como sabemos moi ben os que fomos cachar nalgunha ocasión, por rexeneración desde as raíces ou por sementes que insectos, paxaros, vento e auga transportan sen paranza. Cada planta produce ata mil flores por temporada cunhas corenta mil sementes anuais que poden permanecer viables ata 30 anos. O toxo, que dou topónimos por toda Galicia, é invencible. O curioso disto é que para loitar contra as especies invasoras —acacia, Herba da Pampa e moitas outras— din que a mellor arma resultan as toxeiras que son quen de afogaren esas especies estranxeiras. Como se sabe os galegos tamén fomos invasores ao noso xeito: hai galegos por todo o mundo. En Bos Aires chegaron a ser máis que os que quedaban en todas as cidades de Galicia seguro que algún levou un toxo. A maioría deses emigrantes buscou mundo por necesidade; foron man de obra barateira e os menos adaptáronse e progresaron. O que xa non vexo claro é se neste mundo da globalización hai que seguir a diferenciar autóctono de alóctono. Se cadra nunca se podería dicir que haxa un cacho do mundo que sexa noso, ou de alguén. Se fose de ninguén, non habería invasións e, por poñer, nin guerras. Este artigo é unha mestura, unha confusión: negros, toxos, acacias, chinos, suramericanos, Herba da Pampa, galegos. Saíume así mirando para a rúa Castelao do Grove onde non plantaron toxos, senón unha boa ringleira de ficus que viñeron de Asia. Con retranca grovense dise que é tan cosmopolita como a rúa 14 de Nova York.