Fotoxornalismo en clave galega: cando a imaxe si vale máis ca mil palabras

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A mostra A Galicia Inédita xa se pode visitar na sala Rivas Briones

12 abr 2025 . Actualizado a las 19:57 h.

Sen fotografías pode haber literatura, pero nunca bo xornalismo. A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) vén de inaugurar na sala Antón Rivas Briones de Vilagarcía unha excelente escolma de imaxes tomadas por grandes fotoxornalistas. Cada unha delas, acompañada do seu texto correspondente (José Luis Teófino, no caso de Martina Miser; Lois Caeiro no de Mónica Irago), porque a palabra acompaña, potencia e pon marcos á mirada. A exposición ficará na capital arousá ata o 25 de maio. 

A aportación das fotógrafas de La Voz de Arousa

MARTINA MISER

Pescando entre gaivotas I Martina Miser. Eu veño de onde sopla o vento, veño doutro tempo, dun mar insobornable, dun mar adentro, onde as ondas co Nordés bican as casas, unha e outra vez. Descendo de xentes traballadoras, loitadoras, mariñeiras, peixeiras, pescadoras coas que naide pode por agora. As sirenas da lonxa e as gaivotas marcaban as nosas vidas, tamén as horas. Elí me achegou nos momentos calmos de acougo, perseguindo arrecendos e sentimentos doutros tempos, a petar na lousa onde durme miña nai, para dicirlle cada vez que vou que sigo loitando como me ensinou. Non  me faltes nunca, mar, ao teu carón aprendín a camiñar, a falar, a cantar. Texto: José Luis Teófilo Piñeiro.

MONICA IRAGO

O baño do presidente I Mónica Irago. As estatísticas din que os últimos días de xullo son os de temperaturas máis altas por Meis. Foi un Día de Galicia, 25 de xullo do 2015, cando Mónica Irago tomou esta orixinal foto do presidente do Goberno. A suliñar: tivo aviso dunha colega para a oportunidade da imaxe. Aínda hai solidariedade. Un Mariano Rajoy que se bota a nadar. Poida que fose refrescarse. O termómetro de España marcaba tendencia á suba de tensión. Así foi. O número de parados superaba os cinco millóns, en Cataluña viase vir o incendio e Rajoy ía camiño doutra cita electoral á que seguiron catro meses de negociación para que fose investido presidente. Texto: Lois Caeiro.