![](https://img.lavdg.com/sc/VownyiXp2fZK7kcdw-iIcgyZdpU=/480x/2025/02/07/00121738949282128776973/Foto/AF8C3F1_182722.jpg)
O cociñeiro presentou «O noso mar no teu prato», que recompila os pratos que elaborou o ano pasado durante os talleres de cociña que alí organizou
08 feb 2025 . Actualizado á 05:00 h.O chef Xoanqui Ameixeiras presentou na mañá de onte o libro O noso mar no teu prato, unha recompilación de receitas elaboradas durante os talleres de cociña organizados polo Concello na praza de abastos de Vilagarcía. A iniciativa, financiada polo Grupo de Acción Costeira, levou a cabo de xeito gratuíto e sen necesidade de inscrición, co obxectivo de potenciar a gastronomía local na ruta mariñeira de Vilaxoán a Carril.
O receitario pon en valor a preparación tradicional dos produtos da ría, adaptándoos a novas técnicas culinarias. «Ás receitas son moi variadas, dende frituras ata guisos pasando por pratos ao forno. O interesante é que ensinamos a preparar a comida de toda a vida con técnicas diferentes, por exemplo, outros acompañamentos ou salsas para sacar o máximo partido a un rapante ou a un mexillón», explicou Ameixeiras durante a presentación. Entre as receitas incluídas no libro atópanse pratos como o guiso de chocos con patacas e cogomelos, unha ensalada de pementos asados, unha quiche de mexillón ou a tradicional empanada de millo con berberechos. Esta publicación atópase dispoñible de xeito gratuíto para os veciños na oficina de turismo e noutros espazos municipais, segundo explicou o concelleiro Álvaro Carou.
O proxecto conta coa colaboración de recoñecidos cociñeiros da localidade, como Carmela Armas, do restaurante Pepe Quilé, Ríchar Santamaría, dA Malquerida, así como Rubén García, cociñeiro no colexio da Lomba, e Marcela Díaz, organizadora de talleres infantís de cociña. «Debemos valorar que en Vilagarcía hai xente con moito talento, que sabe traballar moi ben o noso peixe», destacou Xoanqui Ameixeiras.
Son unha vintena de receitas pensadas para que poidan ser replicadas sen ningún tipo de problemas por quen o intente coa cociña que toda a vida se preparou nos fogares galegos como elemento fundamental.
O éxito dos talleres radicou tanto na calidade dos produtos empregados como na capacidade do chef para transmitir a súa paixón pola cociña. Así o sinalou o alcalde, Alberto Varela, quen puxo en valor a iniciativa. «O talento de Xoanqui na cociña e as súas dotes comunicativas foron a clave do éxito destes talleres que falan do orgullo da cociña local e dos produtos de proximidade», afirmou. De feito, case a totalidade dos ingredientes utilizados foron adquiridos na praza de abastos, impulsando así o comercio local. Da súa capacidade para transmitir e enganchar ao persoal é fiel reflexo o feito de que onte se achegasen unha vintena de persoas ao acto, algo que tamén destacou o alcalde na súa intervención durante o acto. De feito, e tras concluír a presentación, Ameixeiras estivo ao redor de vinte minutos asinando un a un os exemplares que alí se repartiron. Todos os que levaron esgotáronse. A tirada é de medio milleiro de receitarios, segundo precisou o edil Álvaro Carou.
Pola súa banda, o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Álvaro Carou, celebrou a publicación do libro como o peche perfecto a un traballo meticuloso por parte do chef e o seu alumnado. Ademais, anunciou que o Concello xa está a buscar os fondos para poder celebrar a próxima edición dos talleres, coa intención de seguir promovendo o valor da cociña tradicional e os produtos de proximidade.