0003_202404A30C4991
0003_202404A30C4991

Sesión dobre e 200 artistas: o festival de fin de curso de Nydia convértese nun clásico

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A escola de danza subirá ao escenario do auditorio o sábado

30 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Os teatros e os auditorios son lugares coa capacidade de transformarse en calquera outro recuncho do mundo coñecido ou imaxinado. Este sábado pola tarde, por exemplo, quen entren no edificio que se alza xunto ao parque Miguel Hernández atoparanse en Arendelle , o reino no que discorre a película Frozen. Ese é o escenario elixido pola escola Nydia para ambientar o musical co que o alumnado vai demostrar ante o público todo o aprendido durante o curso. Aínda quedan uns meses de clase, pero o escenario do auditorio está moi demandado «e tivémonos que vir a maio», explica Ricardo García.

O espectáculo deste ano, o terceiro que se desprega baixo o lema «E ti de quen vés sendo?», baséase en exercicios de imitación de diversos artistas. As actuacións estarán cosidas por unha trama que dá sentido a todo: a celebración dunha festa no palacio de Arendelle.

O espectáculo mobiliza á friorenta de duascentas persoas entre bambalinas, e a moitas máis no patio de butacas. Tanto é así, que este ano se ofrecerán dúas funcións do mesmo espectáculo (ás 17.30 e ás 20 horas) para que todo o mundo que queira poida gozar do marabilloso mundo de Nydia. Desa forma, ademais, todo o alumnado estará sobre as táboas. «Temos moitos grupos dos máis pequenos, e ao facer dúas funcións saen todos», explica García, que calcula que en cada pase hai entre 120 e 140 persoas, desde cativada que dá os seus primeiros pasos no mundo da arte ata adultos de máis de corenta anos que gozan dando renda solta á súa creatividade e o seu talento.