Vilagarcía celebra o Día da Danza con «Ceibe, a última montaxe de Fran Sieira

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Santi M. Amil

A obra representarase este venres, no Auditorio

25 abr 2024 . Actualizado á 13:25 h.

A capital arousá anticípase tres días á conmemoración do Día Internacional da Danza e programa un potente espectáculo de danza contemporánea, construído sobre a base do baile e a música tradicionais. Trátase de Ceibe, a produción máis recente da compaña de Fran Sieira, que se representará este venres, 26 de abril, a partir das oito da tarde no auditorio municipal. 

Programado pola concellaría de Cultura a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, Ceibe profunda na relación entre os roles de xénero e a tradición do baile en Galicia. A obra traballa sobre o xénero e as súas formas de operar en diferentes ámbitos da cotiandade, incluíndo unha manifestación cultural tan relevante como esta. A través das coreografías, que encararán oito bailaríns e bailarinas baixo a dirección de Fran Sieira e Sergio R. Suárez, o espectáculo promove unha reflexión sobre as categorías de xénero e os estereotipos impostos socialmente. Cuestiona, por tanto, as convencións normativas e hexemónicas para facer comprender que estas operan, sobre todo, sobre os corpos. 

Ademais do propio Fran Sieira, a dirección conta con Sergio R. Suárez, experto en cuestións LGTBIQ+ vinculadas o universo da danza, e o asesoramento artístico do colectivo VACAburra, que forman Andrea Quintana e Gena Baamonde.

As entradas teñen un prezo reducido de cinco euros, que o Concello bonifica para mozos, persoas maiores e desempregados. Abondará acreditar esta condición para adquirilas a tres euros. Poden comprarse en ataquilla ou no despacho de billetes, o propio venres.