Adeus ao posiblemente ciclista galego amateur máis laureado da historia

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Modesto Sánchez Losada, no 2016 traballando de mecánico para o Caja Rural navarro na Vuelta a España
Modesto Sánchez Losada, non 2016 traballando de mecánico para ou Caixa Rural navarro na Volta a España P.CHAPELA

Integrante dunha das grandes sagas do deporte das dúas rodas na comunidade, Modesto Sánchez Losada retirárase con 142 vitorias e foi mecánico do Xacobeo Galicia e do Caja Rural

08 ene 2024 . Actualizado ás 19:33 h.

O ciclismo galego está de loito. Este martes, ás cinco e media da tarde no cemiterio parroquial de Santa Mariña Dozo, Cambados, toca despedir a Modesto Sánchez Losada (Cambados, 5 de xuño de 1954-7 de xaneiro do 2024). A falta de rexistro oficial que o verifique, posiblemente o corredor galego amateur máis laureado da historia. «Con 8 anos corrín a miña primeira carreira, en Pontevedra, e gañeina. Retireime con 35 e con 142 triunfos», contaba en La Voz de Galicia en agosto do 2016 o cambadés no epílogo da súa relación de toda unha vida co deporte da bicicleta, enfrascado entón en labores de mecánico para o Caja Rural navarro na Vuelta a España. Un infarto mentres superaba unha infección respiratoria levou a Modesto a última hora do domingo con 69 anos de idade. 

«Eu nacín nun taller de bicicletas», dicía con orgullo naquela mesma reportaxe. Orgullo de pertencer a unha das grandes sagas do ciclismo galego. A que inauguraran seu pai, Modesto Sánchez Alba, Teto, e nove dos seus once tíos paternos, con Marcelino lucindo a condición de primeiro corredor galego en disputar a Vuelta a España

Do seu pai aprendeuno todo Modesto. Logo de correr dúas edicións da Volta a Galicia e de ter que despedirse dos seus soños sobre dúas rodas por un accidente cun camión mentres adestraba na Coruña en 1948, Teto converteuse nun dos grandes artesáns de bicicletas en España nos anos 60 e 70; tamén no director dun dos mellores equipos ciclistas amateurs do estado entre finais dos 70 e comezos dos 80. No taller, Modesto empezou a coñecer o oficio de mecánico desde os 12 anos. No Cesantesa Riego Lomba, nome comercial da escadra da Sociedad Cultural de Cambados, viviu a gloria formando equipo con todos os galegos que chegarían a ser alguén no gran pelotón, como José Teixeira e Álvaro Pino, convertido o último nun amigo deses que se contan cos dedos das mans. 

Velocista, Modesto Sánchez Losada fichou no Spol do Porriño con 16 anos con 20 deu o salto ao mítico Teka Santander, pero o seu paso obrigado polo servizo militar coincidiu cun cambio de director deportivo e co paso do cadro cántabro ao profesionalismo. «Penso que de non ter ido entón á mili tería sido profesional, porque era moi ben visto no Teka», lembraba en La Voz. Modesto marchou coa dúbida de ata onde podería ter chegado no gran pelotón, pero con esas 142 vitorias que o acreditan como o gran ciclista que foi.

Vinte anos botou á marxe do ciclismo de competición Modesto. Vivindo primeiro do taller herdado do seu pai e traballando despois no almacén dun bo amigo e amante do seu deporte, o ex presidente do Pontevedra C.F. Nino Mirón. Ata que Álvaro Pino o chamou para embarcalo en funcións de mecánico no primeiro e, ata hoxe, único equipo ciclista galego profesional, o Karpin Galicia, rebautizado ao pouco coma Xacobeo Galicia. «Foi algo soñado. Un Giro, catro Vueltas, Turquía, Chihuahua, San Luís, Polonia, Eslovenia, Portugal», contaba no 2016 o fillo de Teto, que recordaba aqueles catro anos (2007-2010) como «unha das épocas máis felices da miña vida».

Desmantelado o Xacobeo Galicia, quixo o ciclismo regalarlle un epílogo a Modesto Sánchez Losada. Dous ex compañeiros mecánicos no equipo profesional galego, Citoula e Genaro, recomendaron o cambadés aos seus xefes no Caja Rural navarro. Por escasos días quedou sen vivir desde dentro a experiencia da mítica saída da Vuelta a España desde unha batea no porto de Vilanova, desfrutando entre o 2013 e o 2016 de catro veráns de regreso no gran pelotón.

Retirado practicamente desde entón, Modesto Sánchez Losada gozaba do ciclismo vendo medrar a terceira xeración da saga familiar. Co seu fillo Ángel Sánchez Rebollido dando o salto ao profesionalismo no W52 portugués e facendo sentirse orgulloso ao seu pai chegando onde el só puido soñar: alzar os brazos na meta dunha carreira profesional e asentarse nun gran pelotón no que este ano cumprirá unha década, nas filas do Mortágua luso que dirixe outro grande amigo da familia, Gustavo César Veloso.