EU reclama por enésima vez que se convoque o Consello Local de Turismo grovense

Leticia Castro O Grove / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A formación subliña que se trata dunha ferramenta fundamental para a planificación dun sector estratéxico

20 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Esquerda Unida realizaba onte unha chamada de atención ao executivo meco para reclamarlle que se poña as pilas en materia turística. É a enésima vez que o fai, pois, asegura a formación, había certos compromisos que se pactaron para facilitar a investidura, que o PSOE non está a cumprir. Un deles, a convocatoria dos órganos sectoriais entre os que se atopa o Consello Local de Turismo .

Os esquerdistas están preocupados: «Non entendemos por que o alcalde non convoca o CLT, cando é unha ferramenta fundamental para planificar, coordinar e avaliar as políticas de turismo no Grove», apunta Susana Millán. Segundo contan, o alcalde haberíase comprometido a reunir o CLT para redactar as bases das Centolas de Ouro e non o fixo. Pero hai máis, repróchanlle a ausencia de cartel promocional da Festa do Marisco 2024, cuxo concurso aínda non se convocou, e a falta de información sobre o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino: «Descoñecemos se xa se contratou a consultora que se precisaba e cales son as consecuencias de non ter executado a parte correspondente no 2023».