Carliños Meco engrosa o seu currículo cun novo premio en Murcia

l. c. O Grove / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

O grovense traballa en novas fotografías para renovar o seu arquivo

29 oct 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

As fotografías do grovense Carliños «Meco» seguen sumando premios ao seu currículo. O artista meco, que combina a súa paixón polas instantáneas, cos seus labores como economista e xestor administrativo, recibiu estes días un novo recoñecemento, o primeiro premio de fotografía artística nos Premios Rexión de Murcia 2023, por unha imaxe que xa levantou paixóns noutros certames como nos Premios Goya de Fotografía fallados o pasado mes de febreiro en Aragón, e que lle valeron unha mención de honra nos Premios de Fotografía de París 2023.

Trátase dunha imaxe en branco e negro onde as curvas dun corpo espido serven de trazo para a travesía dun barco de papel, unha instantánea artística que o define moi ben. O de Murcia era un concurso do que non oíra falar, así que o premio lle colleu por sorpresa. Non ten remuneración económica pero «a satisfacción, ou currículo e ou mérito» parecen suficientes. Mentres tanto traballa en novas fotografías para renovar o seu arquivo botando man de novas inspiracións que non quere desvelar, ademais de traballar en sesións que lle van saíndo por distintos puntos da xeografía galega, sobre todo de carácter publicitario, de decoración ou sesións de familia e parella que buscan precisamente ese estilo: «Agora estou editando unha sesión que fixen hai uns días no Concello de Lobios», contaba. As súas instantáneas seguen circulando polos festivais buscando novos galardóns que engrosen esta breve pero magnífica traxectoria: «Enviei imaxes aos certames de Londres e Guipúzcoa, que están pendentes de resolverse», explicaba onte. Haberá que estar atentos nas próximas semanas por se chegan novos galardóns.