A Festa do Marisco fai historia facturando máis dun millón de euros

leticia castro O Grove / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

No recinto gastronómico despacháronse en dez días 186.028 tíckets

16 oct 2023 . Actualizado ás 10:50 h.

O Grove asina unha Festa do Marisco histórica no seu sesenta aniversario, cunha facturación que supera con fartura á da última edición que xa batera marcas. O recinto gastronómico pechou caixa con 1.114.566,10 euros, unha cifra que supera á do ano pasado en máis de 200.000 euros, un dato incrible tendo en conta que nesta ocasión houbo tres días menos de festa. Foron 186.028 os tíckets despachados nas carpas de degustación, outro dato notable, xa que é tamén o mellor número desde que existen rexistros, uns 26.000 máis que en 2022.

Queda claro que o tirón gastronómico da localidade é innegable e constitúe o seu mellor reclamo turístico, aínda que nesta ocasión as condicións meteorolóxicas, con trinta graos de temperatura en varias xornadas, contribuíron a que fose un éxito incontestable. Cabe resaltar que as cifras poderían ter sido mesmo superiores de non esgotarse esta fin de semana algúns dos produtos.

Ao sábado non chegaron nin os percebes, nin a nécora, nin os mexillóns tigre, e na última xornada tampouco se puido degustar a empanada de millo de choco da ría, nin a torta de queixo, dúas das novidades na carta. No ránking de vendas o polbo colgouse a primeira medalla, con máis de 10.968 racións despachadas, seguido de preto polo arroz de mariscos con 10.603 pratos. Servíronse 8.086 tapas de navallas e 8.074 de zamburiñas.

Os números demostran unha vez máis que as preferencias dos comensais non cambian, pois estes catro produtos son desde fai varias edicións os máis demandados polo público. Tamén son destacables as 6.504 racións de croquetas de marisco, as 5.109 de vieira ao forno e os máis de 10.000 pratos de mexillón nas súas distintas variedades. En canto ás sobremesas, a torta de queixo que dispuña de dúas variedades, San Simón e Arzúa, conseguiu desbancar ás filloas situándose en primeira posición de vendas con 1.859 racións despachadas, e é que o novo doce non deixou de recibir gabanzas en toda a cita.

O Grove puxo fin así á súa tempada alta, cun broche de ouro, que se deixou sentir non só no recinto senón na maior parte de establecementos do municipio, xa que a ocupación tanto en hoteis como en apartamentos turísticos foi altísima.

Tal e como sinalaba o alcalde do Grove, Jose Cacabelos, estes días, a Festa do Marisco converteuse xa no gran exemplo de desestacionalización do turismo, conseguindo atraer á comarca e á provincia de Pontevedra unha cifra moi alta de visitantes fose da tempada estival.