Un equipo de radiodiagnóstico de garda cubrirá toda a área ante a falta de especialistas no Salnés

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A confederación de sindicatos médicos culpa ao Sergas dunha nula planificación en materia de persoal, e ao Ministerio de Sanidade, dunha incomprensible política de formación

08 jun 2022 . Actualizado á 05:00 h.

Foi a delegación da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) en Galicia a que levantou a lebre. Nun comunicado moi crítico, o sindicato denuncia o que considera «un paso atrás importante na calidade asistencial» que se presta aos usuarios do Hospital do Salnés. A CESM explica que, ante a falta de médicos que se encarguen de ler os resultados das probas de radiodiagnóstico, os responsables da área sanitaria decidirían suspender as gardas deste servizo durante as noites e as fins de semana. De tal forma, engadía a organización, que os pacientes que a partir de agora necesiten ser auscultados con dita técnica nos tramos horarios afectados terían que acudir a Montecelo.

A xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés descarta, en cambio, as conclusións ás que chegou a confederación de sindicatos médicos. Confirma que se introduciron modificacións a partir do 1 de xuño, tal e como sinala a CESM. Pero asegura que se trata dunha reorganización funcional para que o servizo de radiodiagnóstico «manteña de xeito permanente un equipo de radiólogos de garda presencial na área sanitaria». Este equipo encargarase de informar os resultados de todas as probas urxentes que leven a cabo tanto en Montecelo como no Provincial e no Hospital do Salnés. O Servizo Galego de Saúde (Sergas) asegura, en consecuencia, que dita reorganización «non afectará á realización deste tipo de probas en ningún dos tres hospitais», mantendo «a plena garantía asistencia para toda a poboación de referencia».

A falta de profesionais desta especialidade non é ningunha novidade. De feito, o propio Sergas recoñecíao no seu balance máis recente sobre as listas de espera. Dos seis radiólogos que terían que cubrir o servizo o ano pasado no Hospital do Salnés, só tres puideron traballar con normalidade. Por iso é polo que facerse un TAC en Rubiáns esixise 48 días de espera.

Tampouco á confederación de sindicatos escápalle este problema. No entanto, atribúeo a «unha mala xestión histórica e unha nula planificación en materia de persoal por parte do Sergas, sen esquecer a incomprensible política de formación sanitaria especializada por parte do Ministerio de Sanidade». O procedemento de contratación aberto para cubrir as especialidades deficitarias é, na súa opinión, «un mal parche» que incluso podería propiciar un éxodo de profesionais a outras comunidades». Sen medidas de dignificación laboral, contratos estables, valoración, incentivos económicos e progresión profesional, sostén a CESM, o futuro dos hospitais comarcais estará no aire.