Ser operado no Hospital do Salnés require unha espera media de 35 días

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Os tempos para unha primeira consulta superaron os dous meses en Traumatoloxía

24 may 2022 . Actualizado á 05:00 h.

Sempre susceptibles de controversia, os últimos datos sobre a evolución das listas de espera na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ofrecen un pouco de todo. A lectura que acaba de facer pública o Servizo Galego de Saúde (Sergas) indica que, en xeral, os tempos melloraron o ano pasado con respecto ao 2020, cando a pandemia do coronavirus o trastornou todo. Isto faise particularmente notorio no servizo de cirurxía. É dicir, á hora de que os pacientes sexan sometidos a unha operación. Así, mentres hai dous anos era necesario agardar 73,7 días como media para entrar en quirófano, este período reduciuse ata os 62 días no 2021. Por hospitais, a mellor media, 35,3 días, deuse no Hospital do Salnés. O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o antigo CHOP, cunha maior carteira de servizos e, por tanto, tamén maior presión, foise, en cambio, aos 67,2 días. Practicamente o dobre.

Este recorte de once días nas listas de cirurxía ciméntase, explica o Sergas, «no plan de recuperación da actividade asistencial», activado en abril do 2021 para recobrar o ritmo en miles de actos asistenciais, entre probas diagnósticas, consultas especializadas e operacións. O peor dato, polo que respecta ás intervencións que se practicaron no Salnés, corresponde ao servizo de Oftalmoloxía, que o ano pasado requiriu unha espera media de 43,2 días, mentres que Uroloxía ofreceu o rexistro máis positivo, con 17,8 días. Os responsables da área sanitaria non quixeron esquecer, á hora de valorar esta evolución, «o encomiable e exemplar esforzo realizado polos profesionais» da sanidade pública, nun contexto de especial dificultade.

Patoloxías de prioridade 1

Obviamente, non todas as intervencións en quirófano admiten unha espera de mes e medio ou dous meses. Dentro da orde de preferencia ao que se ateñen os profesionais sanitarios, as patoloxías de prioridade 1 son aquelas que deben executarse antes de que transcorresen trinta días desde o diagnóstico do mal. A área sanitaria deixou o ano pasado este período en 11,5 días. Novamente, o dato do Hospital do Salnés, 6,8 días, colócase practicamente na metade do que mostra Pontevedra: 12,3 días.

O Sergas achaca á influencia do coronavirus o feito de que a área sanitaria non puidese mellorar en maior medida as súas listas. A esixencia de asignar quirófanos para pacientes afectados de covid, a ocupación de camas de ámbito cirúrxico para a reanimación, a recuperación da anestesia e a cirurxía maior ambulatoria (a que se executa sen necesidade de hospitalizar ao enfermo) por parte de pacientes críticos, padecesen ou non covid, e as dificultades xurdidas á hora de cumprir o plan de autoconcertación, debido ás ausencias tanto de médicos como de persoal de enfermería, son os tres elementos que máis dificultaron este proceso.

O Sergas non puido cubrir tres vacantes de radiólogos

Máis aló do servizo de cirurxía, os responsables da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés recoñecen que o principal obstáculo co que se atoparon para facer avanzar as probas diagnósticas sitúase no complexo comarcal de Rubiáns. O servizo de radiodiagnóstico do distrito arousán debería estar cuberto por seis facultativos. Con todo, ao longo do ano pasado só tres deles puideron traballar con relativa normalidade, sen que o Sergas tivese posibilidade algunha de cubrir as ausencias.

 Facerse un TAC en Rubiáns esixiu 48 días de espera 

As materias pendentes de mellora polo que respecta aos tempos de espera colocáronse, o ano pasado, nas primeiras consultas e as probas diagnósticas. Ao contrario do que sucedeu no servizo de cirurxía, os datos do Hospital do Salnés foron peores que os que ofreceu o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Así, a realización dun TAC (a exploración radiolóxica dun órgano, particularmente do cerebro) requiriu unha espera media de 48 días en Rubiáns, mentres que en Pontevedra este período recortouse a 32,7 días. A diferenza entre ambos os centros médicos mantívose tanto nas resonancias magnéticas (36,7 días fronte a 18,7 días) como nas endoscopias dixestivas (29,6 por 19,9 días).

Mellor a Obstetricia

En canto ás primeiras consultas en especialidades médicas, a área que mellor funcionou no Salnés foi Obstetricia, isto é, a atención ao embarazo e ao parto, departamento que unicamente requiriu dous días de espera. Anestesioloxía e Reanimación estivo moi preto deste bo rexistro, con 2,3 días. Aínda que a súa media é bastante máis avultado, Medicina Interna (ocúpase do tratamento de enfermidades que afectan a todo o organismo ou a un só órgano, pero non requiren cirurxía), con 20,5 días, pecha o conxunto dos servizos cunha evolución máis positiva.

No polo oposto sitúanse as primeiras consultas na especialidade de Uroloxía, que se foron aos 53,4 días de espera, en Dermatoloxía, que esixiron agardar 62,4 días, e, especialmente, Traumatoloxía, área na que a espera media requiriu o ano pasado 67,1 días.