Catro meses para dar un lavado de cara ao consistorio de Ravella

r.e. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O Concello de Vilagarcía destinará 36.564 euros a esa actuación

26 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

No ano 1889 construíuse, no antigo campo das cabritas, a casa consistorial de Vilagarcía. O edificio, que foi obxecto de varios plans de reforma e mesmo de ampliación, necesita traballos periódicos de mantemento. E iso é, precisamente, o que decidiu acometer o goberno local, que na súa reunión deste luns acordou adxudicar á empresa Bespi «os traballos de mantemento e conservación do edificio histórico do Concello por importe de 36.564 euros». A firma disporá de catro meses para realizar unha operación que «afectará tanto ao interior como ao exterior do inmoble, e consistirá en arranxos e pequenas obras de acondicionamento estético de fachadas, paredes, solos, teitos, portas e calefactores». Estes retoques importantes financiaranse «con fondos propios e cunha subvención provincial para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural dos concellos da provincia».

Lembra Ravella que o edificio orixinal é un proxecto do arquitecto Domingo Sesmeros que «ao longo dos anos sufriu varias modificacións e ampliacións, aínda que a parte nobre mantén a súa estrutura e estética inicial». O edificio está incluído no catálogo municipal de bens e conta cunha protección de grao elemental, o que «permite realizar obras de acondicionamento e reestruturación interiores, respectando o exterior». «O estado actual do edificio é bo, polo que os traballos previstos limitaranse a labores de mantemento e conservación que afectan basicamente ao aspecto, acabados e condicións de habitabilidade e confort das instalacións».

En concreto, prevese o saneamento e pintado exterior do inmoble, así como dos paramentos verticais do interior. Tamén se acondicionarán e pintarán os teitos e actuarase sobre as vellas portas de madeira. De madeira tamén son os pisos desta parte do consistorio, e tamén eles serán reparados «substituíndo os listóns deteriorados», pulidos e vernizados.

Nesta parte do edificio atópanse, ademais da portería e varios despachos, o salón nobre, a sala de xuntas de goberno e os despachos vinculados á alcaldía.