Mostra de carácter de Veloso na véspera da gran guerra pola Volta

AROUSA

NUNO VEIGA

O vilagarcián disputou o esprint polo triunfo na primeira etapa en liña, con final en Viana, entrando terceiro en meta

29 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Tocáballe onte a Gustavo César Veloso comezar a defender o xersei de líder da Volta a Portugal tras gañar, por vez primeira, a prólogo contra o crono co que tradicionalmente arrinca a rolda lusa. E o vilagarcián cumpríu, ata o punto de pelexar o triunfo da primeira etapa en liña da Grandíssima. Nun esprint final no alto de Viana do Castelo, que rematou terceiro tras o vencedor Luis Gomes (Kelly-Simoldes) e o seu compañeiro no W52-F.C. Porto Daniel Mestre, que escalou do terceiro ao segundo posto da xeral tras rematar o domingo en Fafe a 1 segundo de Veloso e xusto por detrás dun Rafael Reis (Feirense) que onte cedía 10 segundos na chegada.

A etapa, a máis longa da edición especial polo covid-19 da Volta a Portugal, 180 quilómetros, estivo marcada pola fuxida do home do LA Aluminios Marvin Scheulen, que foi cabeza de carreira desde o quilómetro 4 ata o 167, a 13 de meta. Foi aí onde o traballo do W52-F.C. Porto, activado desde o 43 de carreira cando Scheulen superou os oito minutos de vantaxe, e o do Rally Cycling estadounidense a 17 do alto de Viana do Castelo deu froitos, lanzando a chegada masiva.

Tras un par de escaramuzas de homes secundarios na pelexa pola xeral foi Antonio Carvalho, ata o ano pasado un dos gregarios de luxo do W52-F.C. Porto e hoxe lugartenente de Jóni Brandão no Efapel, a grande alternativa á tiranía porteña, quen probou a uns 600 metros da meta. No final dos 4 quilómetros de subida empedrada cun 5 % de pendente que se lle fixeron demasiado longos. Veloso, que se colocou na cabeza do pelotón a 2 quilómetros da chegada, ofreceu unha mostra de carácter apretando para ver ata onde chegaban el e os seus rivais.

 

Caída de Ángel Sánchez

A cruz da xornada foi para o cambadés do Miranda-Mortágua. Ángel Sánchez resultou un dos catro damnificados nunha caída na parte traseira do pelotón a 16 quilómetros da chegada. Conseguíu proseguir a carreira, pero co pelotón xa lanzado, acabou entrando no último lugar do día, cedendo 11 minutos e 3 segundos, pasando a ocupar o último posto da clasificación xeral de 98 unidades.