A aplicación xeoposiciona plantas e animais potencialmente lesivos para a biodiverisad insular
21 jun 2019 . Actualizado á 12:10 h.Unha aplicación cun nome que xa o di todo -Invasores- pon ao dispor dos visitantes e veciños a Ons e ao resto de Illas Atlánticas un instrumento para contribuír á loita contra as especies exóticas invasoras que pon en perigo a biodiversidade do único Parque Nacional situado en Galicia. O director de Illas Atlánticas, José Antonio Fernández, explicou que esta aplicación leva funcionando tres anos no marco do organismo autónomo a nivel de toda España e que, unha vez comprobado o seu bo funcionamento e múltiples posibilidades, abriuse este xoves ao público para solicitar a colaboración de veciños e visitantes.
Fernández sinalou que se trata de aproveitar o que os expertos cualifican como alerta temperá. É dicir, as persoas que se descarguen esta APP poderán, no ámbito do propio Parque Nacional, facer unha foto da especie que sospeiten ou identifiquen como un risco potencial para a biodiversidade, tanto animal como vexetal, das illas galegas. O Parque Nacional recibirá a notificación desta imaxe coas súas coordenadas de xeolocalización, o que contribuirá a que os seus responsables poidan determinar o grao de ameaza que supoña a especie en cuestión. Ao dispor tamén da xeolocalización, calquera medida para atallar a expansión dun risco potencial para a biodiversidade é moito máis eficaz e rápida. Non é o mesmo que se notifique á Administración ambiental a existencia ou o avistamento dunha planta ou dun animal nunha área, que poder contar cunhas coordenadas que dean a clave concreta. Afórrase tempo e gaña en eficacia.
As observacións que se notifiquen non só se limitan ás illas. Tamén se abriu a xeoposición de imaxes de especies invasoras exóticas nos concellos da área de influencia do Parque Nacional. Por tanto tamén poder enviar á plataforma dixital fotos tomadas en Bueu, Vigo, Ribeira e Vilagarcía. En datas próximas ampliarase o ámbito a todos os concellos das Rías Baixas.
Outro obxectivo que se cumprirá con este proxecto é a concienciación social do problema que causan as especies invasoras nos ecosistemas autóctonos.
No perfil de Facebook de Illas Atlánticas especifícase que Invasores é «unha ferramenta aloxada en Natusfera», unha plataforma «desenvolvida polo Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais (CREAF)» e que conta cunha páxina web e unha aplicación gratuíta para Android e iOS. Á hora de ser máis precisos sobre que animais e plantas son os que máis preocupan no ámbito dos arquipélagos das Rías Baixas, Illas Atlánticas pon ao dispor dos internautas unha guía onde se atopan «descricións e fotografías das especies máis perigosas» para a flora e a fauna desta contorna de máxima protección ambiental.