Caracol inténtao con Peter Pan

AROUSA

Comezan as representacións da popular compaña de teatro cambadesa

03 abr 2019 . Actualizado á 05:00 h.

Domingo • 18.00 e 20.00 hora • Instituto Asorey (Cambados) • Unha obra de teatro dentro doutra obra de teatro. Esa é a proposta coa que a compaña Caracol conquistará, un ano máis, aos infantes de toda a comarca arousá. As representacións comezaron esta mesma semana e, durante os próximos días, serán máis de dous mil os nenos que gozarán coa actuación e coa música desta compaña de afeccionados, que este ano se atreve con todo un clásico, Peter Pan.

«Conta a historia dunha compañía de teatro que intenta representar Peter Pan e durante a función pasa de todo», conta Olga González, directora de Caracol. Explica que a base da obra é o famoso conto de Peter Pan, que estará presente durante toda a representación, como tamén o fará a música, que é xa un clásico das actuacións da compaña.

Durante esta semana e parte da seguinte, serán os escolares de Cambados e doutros municipios dos arredores os que asistirán ás funcións no instituto Asorey. O domingo, en cambio, haberá dúas funcións para o público en xeral. Serán ás seis e ás oito da tarde. As entradas pódense adquirir xa en Sansatur e Chinelas.