Alex Barcello: «Non hai egos, hai moi boa química e moito talento»

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A.SOLER

O escolta do Monbus Obradoiro goza dunha tempada na que mantén a súa capacidade de anotación e mellora en rebotes, asistencias e roubos de balón

09 dic 2025 . Actualizado á 14:21 h.

Alex Barcello deixou o seu selo na súa irrupción no Primeira FEB, na tempada 23/24, entón LEB Oro. O seu rendemento no Guipúscoa Basket non admite discusión: acabou como o máximo anotador da categoría, con 19,7 puntos, e tamén como o máis valorado, cunha media de 23,42. Á conclusión desa campaña decidiu probar na competición alemá, no Heidelberg. A metade de curso, en febreiro, asinou polo Monbus Obradoiro. Rematou promediando 14,5 puntos, 1,6 rebotes e 2,7 asistencias, en case 24 minutos.

Esta tempada os minutos e as responsabilidades están máis repartidos no cadro de persoal. E o escolta americano está a mostrar unha versión máis completa, de máis participación en diferentes áreas do xogo, máis afastada do perfil de quen é un anotador capaz de fabricarse as súas propias canastras e aproveitar as que lle xera o equipo. Está a mellorar a súa achega en rebotes (3,4), asistencias (3,2) e balóns roubados (2) respecto ao pasado curso.

Preguntado acerca desta evolución, nada máis rematar o partido fronte ao Fuenlabrada, Barcello puña o acento nun punto de partida colectivo: «Todo empeza na defensa. Se estamos ben aí, o ataque vai só. Estamos a intentar conseguir o maior número de vitorias. No meu caso, uns días toca anotar máis, outras repartir xogo. Trato de facer o meu traballo».

Está a verse un Monbus Obradoiro moi cooperativo, capaz de anotar puntos de moitos xeitos e coa achega de todos os xogadores. Barcello destaca unha cualidade do equipo, clave para poder despregar ese baloncesto: «Temos moito talento, xogadores moi bos en todas as posicións. Non hai egos, hai moi boa química». De feito, comenta que é unha das tempadas que máis está a gozar. «O equipo confía en min e eu confío no equipo», engade.

O Leyma Coruña está a marcar o paso. Aínda non perdeu ningún partido. O escolta prefire mirar máis cara a dentro que cara a fóra: «Isto é moi longo. O equipo vai nunha boa liña. Hai que seguir traballando».

Ao Obradoiro custoulle demarrar fronte ao Fuenlabrada. De feito, no primeiro cuarto mandaron os madrileños. Barcello concedeu o mérito ao rival nese tramo: «Sabiamos que ían ter un inicio forte». E fai unha lectura botando a vista á fronte: «Temos que intentar ser consistentes os corenta minutos».