O Obradoiro agarda a un Fuenlabrada que enlaza catro derrotas seguidas

ANDAR MIUDIÑO

EDUARDO PÉREZ

Benite é o líder do equipo laranxa e o máximo anotador da categoría

01 dic 2025 . Actualizado á 20:19 h.

Despois do parón competitivo motivado pola fiestra FIBA para os compromisos das seleccións, o Monbus Obradoiro volverá xogar este sábado no Multiusos de Sar. Recibirá ás 18.30 horas a un Fuenlabrada que chega nun momento delicado, despois de enlazar catro derrotas consecutivas.

O conxunto madrileño, que xa cumpriu coa súa xornada de descanso, empezou como un tiro e gañou os seus catro primeiros partidos, tres deles na casa. Dobregou ao Melilla (82-73), gañou en Burgos ao Tizona (89-93), e de novo no seu feudo a Cantabria (90-75) e ao Fibwi Mallorca (99-81).

Pero desde entón conta as súas contendas por derrotas. Caeu nas visitas ao Leyma Coruña (101-75) e ao Estudantes (99-76). Máis sorprendentes son os encontros nos que claudicó no Fernando Martín, fronte ao Oviedo (71-92) e o Guipúscoa Basket (70-87).

A clave entre eses dous tramos está na defensa. O colectivo adestrado por Iñaki Martín pasou de encaixar 79,5 puntos de media a recibir 94,75. Por esa ferida está a desangrarse.

No persoal laranxa sobresae a presenza do escolta internacional brasileiro Vitor Benite, que está a cargo da clasificación de anotadores da Primeira FEB. Promedia 20,25 puntos por partido, por diante do pivote do Alacante Kevin Larsen (19,25) e outro especialista no tiro, Littlelson, do Menorca (18,63).

Só o Leyma e o Estudantes conseguiron frear a súa produción, ao deixalo en 12 e 9 puntos, respectivamente. En todos os demais encontros quedou entre os 19 puntos que lle endosou ao Cantabria e os 31 que asinou fronte ao Tizona. Está a xogar algo máis de 31 minutos por encontro.

O Fuenlabrada ten o seu principal sostén na tripleta que forman no perímetro o propio Benite, o base Mateo Díaz e o aleiro Dani Manchón. Kasibabu e Belemene pon o físico no xogo interior. E os á pivote Murphy e Rigot completan o septeto de xogadores que absorben máis minutos.

Xornada de descanso

Despois do encontro deste sábado o Monbus Obradoiro afrontará a xornada na que lle tocará descansar. Renovará a competición de novo en Sar, o martes 16 ás 20 horas fronte ao Zamora.