Visitará o conxunto morado o 4 de xaneiro na liga e o día 7 na Copa
20 nov 2025 . Actualizado á 19:04 h.O Monbus Obradoiro afrontará un inicio do 2026 con dous desprazamentos consecutivos a Palencia, na recta final das vacacións de Nadal. O domingo 4 de xaneiro enfrontarase ao conxunto de Natxo Lezkano na décimo quinta xornada da Primeira FEB. E tres días máis tarde repetirá no mesmo escenario, nos cuartos de final da Copa de España. Como queira que no medio está a festividade de Reis, a previsión é que a expedición regrese o día 4 á conclusión da contenda e volva viaxar o día 6. En total, 1.800 quilómetros en menos dunha semana.
Os caprichos do calendario determinan que o seguinte encontro na competición doméstica sexa tamén a domicilio. No entanto, do mal o menos, porque será o derbi ante o COB en Ourense, de modo que o conxunto santiagués viaxará e volverá na mesma xornada.
O calendario xa foi pouco xeneroso co colectivo de Diego Epifanio esta semana, ao xuntar dous desprazamentos engorrosos, a Cartaxena e a Huesca. Neste último, a expedición trasladouse en avión ata Barcelona e completou ruta en autobús, 270 quilómetros. E seguiu o mesmo plan para o regreso.
Epi só disporá de dous días para preparar o partido do domingo ás 12.15 horas en Sar fronte ao Fibwi Mallorca.
Ata final de ano o técnico burgalés xa non terá que preocuparse pola Copa. Os cuartos de final, que se dirimen nun só partido, ademais do Palencia-Obradoiro rexistran os seguintes emparellamentos: Morón-Fuenlabrada, LogroBasket-COB e Estudantes-Tizona. Todos eles fixados, inicialmente, para o 7 de xaneiro.
Os gañadores clasificaranse para a fase final en sede única, aínda por determinar. Disputarase os días 23 e 24 de xaneiro.
Ao Monbus Obradoiro tocoulle afrontar todas as eliminatorias deste campionato como visitante. En dezaseisavos visitou ao Oviedo, en oitavos ao Lobe Huesca e en cuartos tocaralle viaxar a Palencia. En caso de lograr a clasificación para a fase final, estaría por ver se Compostela entra na poxa para acoller as semifinais e o partido que decidirá o título.
A pasada campaña, cando se puxo en marcha a Copa de España, o Monbus Obradoiro chegou ata a final, pero perdeu en Burgos ante o San Pablo, que oficiou como anfitrión.