O partido ante o Melilla deixou a boa noticia da vitoria convincente do Monbus Obradoiro e un episodio que tanto pode quedar en anécdota como converterse nun incómodo quiste. Despois de anotar un triplo, Yunio Barrueta fixo un xesto que foi interpretado por unha banda da afección como unha desconsideración.
Epi foi preguntado respecto a se estaba ao tanto do que sucedera, e recoñeceu que lle pasara inadvertido durante o encontro, pero que si o vira con posterioridade. Tamén indicou que o falara co xogador, e que o que había detrás do seu xeito de proceder, segundo o aleiro, era «unha sensación de intentar axudar ao equipo, de que el entende que todo o mundo temos que ir na mesma dirección». Igualmente díxolle que ao acabar a contenda, «cando deu a volta ao campo, achegouse ao grupo de afeccionados e intentoulles explicar».
O adestrador apelou á unidade e a comprensión, á paciencia cun proxecto que sufriu dúas baixas importantes e que está en fase de construción, nun camiño que será longo e difícil. Gustaríalle ver o todos a un tempo de Fuenteovejuna durante os partidos, e que a crítica aflore unha vez que acaba a contenda.
Quizais o mellor é non darlle demasiadas voltas á nora e agardar que non se repitan xestos que non axudan, máis aló do beneficio da dúbida por escoller un xeito equivocado de trasladar a mensaxe.
Yunio Barrueta non está a acertar co aro. Pero o problema será maior se nalgún momento deixa de asumir os seus lanzamentos. Porque é un aleiro para consumir moitos ensaios desde detrás da liña de 6,75 metros. Leva trinta en catro xornadas, máis de sete por partido. Ante o Melilla xa fixo 4/10, que é unha boa porcentaxe. E o día que lle entren, seguramente se achegará a rexistros como os asinados por Vasileiadis, Simons e Corbacho, e será aplaudido pola afección, salvo que lle dea por reivindicarse con xestos.
Barrueta é un especialista no tiro de longa distancia, dos que non abundan. E Epi ten razón ao lembrar que é máis doado avanzar remando ao mesmo compás.