Lundqvist entra na recta final da súa recuperación, á falta do traballo con contacto

La Voz

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

«A súa evolución e as súas sensacións con moi boas», confirma o adestrador do Obradoiro, Epi

16 oct 2025 . Actualizado á 11:45 h.

Lundqvist está preto de reaparecer. Incluso ten algunha opción remota de entrar na convocatoria para o partido deste sábado no Multiusos de Sar ante o Melilla. Fáltalle entrar co grupo en situacións de contacto. Todas as etapas previas foinas superando con éxito.

Diego San Epifanio confirma que a rehabilitación vai por bo camiño: «A súa evolución e as súas sensacións son moi boas». Pero aposta por evitar as precipitacións: «Non vai haber présa. Ao final, é unha lesión que está moi controlada, que os servizos médicos teñen moi claro o que é e como ten que ser a readaptación e a recuperación. E nesa readaptación e volta ao traballo estamos a intentar ir con pasos seguros. Sabemos que non hai nada que nos poida asegurar que non vai volver a recaer nesa situación, pero está a facerse todo o traballo para evitar que suceda».

Lundqvist lesionouse no ombro dereito, que nunca lle dera problemas ata ese momento. Pero coñece o contratempo, xa que a tempada do ascenso co Leyma sufriu o mesmo problema no ombro esquerdo. Púidoa completar, con ningunha intermitencia, e ao final optou por pasar polo quirófano. E unha vez que se recuperou, disputou o pasado curso sen ningún problema na ACB.