
O Obradoiro agarda a mellor versión do aleiro na longa distancia
11 oct 2025 . Actualizado á 21:41 h.Se entrase o último tiro de Nacho Varela no Amenabar Area probablemente o clima ao redor do Monbus Obradoiro estaría agora moito máis cargado e multiplicaríanse as críticas. En todo caso, a vitoria non esconde que hai moitas cousas que mellorar. E, aínda no caso de perder, tamén habería que pór sobre a mesa aspectos positivos. Andersson e Brito, os dous últimos en incorporarse ao grupo, subiron considerablemente as súas prestacións.
Máis aló do resultado, son moitas as miradas que apuntan a Yunio Barrueta, que en estás tres xornadas está moi pelexado co tiro. Ante o Guipúscoa Basket só anotou unha canastra dobre de cinco intentos, e un triplo sobre oito lanzamentos. Fronte ao Cantabria fixo 1/6 en triplos. E en Menorca, 2/6.
Sempre foi un xogador que consumiu moitos lanzamentos. A pasada campaña, na ACB co Leyma Coruña, promedió un 34,6% desde 6,75 metros. Un ano antes, co conxunto herculino, na entón denominada LEB Oro, acabou cun 39,57%. Esa é a versión que agarda o Obra, a dun especialista no tiro e, particularmente, na longa distancia.
De momento non lle está acompañando o acerto. Sobre todo na última xornada. Pero ten licenza para lanzar, porque está chamado a ser unha das principais ameazas no perímetro.
O que está fóra de toda dúbida é o compromiso do aleiro cubano americano co equipo. Non puido participar no adestramento da mañá no Amenabar Area por unha acusada dor nas costas. Pero non se borrou para o partido. Forzou para poder xogar.
Mercado de fichaxes
Entre tanto, o club segue no proceso de procura dun pivote para cubrir o oco deixado por Huskic. Un dos puntos de atención é o baloncesto mexicano. Xa concluíu a fase regular e acaban de empezar as eliminatorias polo título. A medida que vaian quedando apeados os equipos iranse sumando xogadores ao mercado. Outra cousa é atopar unha peza que se axuste tanto ás pretensións do corpo técnico como á marxe económico de manobra.
De momento, a apurada vitoria conseguida o venres axuda a atenuar as urxencias. O equipo recibirá o sábado ao Melilla e despois afrontará tres desprazamentos consecutivos: a Oviedo para a Copa de España, á pista do Estudantes e de novo a Oviedo, nesta ocasión na competición ligueira.