
Necesita cadrar os números, asume a dificultade de atopar un perfil similar ao do pivote serbio e aínda non hai ningún nome no radar
01 oct 2025 . Actualizado á 21:28 h.Os hados puxéronse en contra do Monbus Obradoiro neste inicio de curso. Perdeu a Huskic para o que resta de tempada. E a Ludqvist para os primeiros partidos, a expensas de como evolucione a súa lesión no ombro. Vai por bo camiño, se non hai contratempos, e todo apunta a que reaparecerá máis pronto que tarde. Outra cousa será convivir co risco dunha recaída.
Na configuración do actual persoal un dos criterios que tiveron maior peso foi a procura de fichaxes polivalentes, capaces de manexarse en máis dunha posición.
Pero se se fixese unha enquisa respecto aos xogadores máis difíciles de suplir, polas súas características, probablemente serían moitos os que dirían que Ludqvist e Goran Huskic. Co engadido de ser dúas pezas sobradamente coñecidas por Epi, claves nos seus esquemas. E viñan de completar unha boa tempada no Leyma.
O sueco é dos poucos capaces de ocupar as tres posicións do perímetro. O serbio, un dos pivotes con máis capacidade para xerar desde o poste alto e ao redor dos bloqueos.
O Monbus Obradoiro non se vai a quedar de brazos cruzados no mercado. Pero, ata a data, nin moveu peza nin está previsto que pise o acelerador. O club tomou nota dos volantazos da pasada campaña, cun notable desembolso que non deu os resultados agardados.
Este verán, o presuposto de partida para a configuración do cadro de persoal foi superior ao do equipo que iniciou o pasado curso. E agora concorren dúas circunstancias que xogan en contra do club. É o peor momento para fichar, coas ligas europeas dando os seus primeiros pasos e a tres semanas vista para que arrinque a NBA. Non hai ningún nome sobre a mesa no que estea a traballar a entidade. Outra cousa é que os axentes estean a facer chegar as súas propostas, a propósito de que o Obradoiro está obrigado a buscar unha substitución para Huskic. Pero teñen que cadrar os números e que entre no radar un xogador de rango, nesa orde. E esa é unha ecuación difícil de encaixar.