Un terzo dos equipos de Primeira FEB busca adestrador para este curso

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. SOLER

O Obradoiro de Epi encara xa a toma de contactos no mercado

12 jun 2025 . Actualizado á 19:29 h.

O mércores marcou un punto de inflexión na situación do Monbus Obradoiro de cara ao novo curso. Raúl López, nada máis acabar o cuarto partido de Palencia, o que supuxo o punto e final á tempada e o adeus ao ascenso, anticipou aos afeccionados que se desprazaron para arroupar ao equipo que a súa intención era botarse ao carón. Non será o caso. Confirmou que mantén a súa implicación e que xa está en marcha o novo proxecto.

O presuposto situarase ao redor dos 2,7 ou 3 millóns de euros, co que será un dos máis altos da categoría. Pero probablemente haberá máis dun e de dous por amais dese listón.

O elixido para liderar ao equipo desde o banco é Diego San Epifanio, Epi, que xa empezou a traballar con Héctor Galán na confección do persoal. Queda moita tea que cortar, pero tamén tempo. De feito, un terzo dos clubs está pendente de definir quen será o seu adestrador.

Un deles é o Leyma Coruña, aínda que o designado é Carles Marco. Pero falta a confirmación oficial, á espera de que finalice o campionato de liga en Francia. É un dos axudantes de Thiago Splitter no París.

No Covirán Selecta, o outro equipo que descendeu da ACB, acaba contrato Pablo Pin, que leva trece anos no club. Tantos como ten de historia a entidade nazarí, que arrincou a súa andaina en Primeira División Nacional na campaña 12/13. Desde aí levouno ata a ACB, na que permaneceu tres anos. E todo apunta a que cambiará de aires.

Tamén remata contrato Luis Guil en Palencia e, salvo sorpresa, as dúas partes separarán os seus camiños.

O Cartaxena, que cedeu na eliminatoria ante o Betis no quinto partido, quedouse sen Jordi Justé, que xa foi confirmado polo Tizona.

O Fuenlabrada, que se atopa nunha situación económica moi delicada, confirmou este mesmo xoves que non continuará Toni Ten.

O Estudantes é outro dos que aínda non decidiu. Lezkano, fichado coa segunda volta avanzada, non foi capaz de levar ao equipo á ACB e acabou contrato. O club colexial preparará o seu quinto proxecto en busca do ascenso.

No Zamora, Saulo Hernández vai camiño dos tres lustros no banco. No entanto, aínda falta a confirmación oficial.

Ademais do Obradoiro e do Tizona, estreará adestrador o Guipúscoa Basket, que asinou a Sergio Rodríguez. Asume o cargo de adestrador xefe despois de ser axudante de Jaume Ponsarnau. En cambio, Mikel Odriozola fai o camiño inverso, para recalar en Miribilla.

Moncho López seguirá no Club Ourense Baloncesto; no Alacante, Rubén Perelló; no Cantabria, Lolo Encinas; e no Menorca, Javi Zamora, renovado cando o equipo estaba a se xogar as súas opcións de permanencia, na recta final da tempada. Tamén continúan os tres técnicos que lograron o ascenso: Marco Xusto no Palmer Mallorca, Pablo Cano no Fibwi Palma, e Mikel Garitaonaindia no Melilla.

No caso do Obradoiro, Héctor Galán e Epi traballan xa na confección do cadro de persoal. Xa empezaron os contactos para coñecer a situación de xogadores que poderían interesar e a semana próxima intensificaranse.

De momento, Sergi Quintela e Barcello son os únicos con contrato en vigor. Antes do día 30 o club deberá decidir se executa a opción de ampliación con Nacho Varela e Micovic. E tamén están pendentes as conversacións cos xogadores que acaban contrato e poderían entrar nos plans de futuro.