Unhas trescentas persoas concentráronse este domingo para reclamar solucións ás Administracións e apoiar á familia de Lago á que okuparon unha vivenda
09 nov 2025 . Actualizado á 20:16 h.Unhas trescentas persoas, segundo a estimación do corpo de seguridade local, concentráronse este domingo no pavillón municipal de Xove para reclamar «solucións» á okupación, despois de que varias persoas entrasen de forma ilegal, a finais do pasado mes de outubro, nunha vivenda de Casas Longas, na parroquia de Lago.
«Facemos un chamamento ao pobo da Mariña: imos defender o noso», expuxeron coa lectura dun manifesto os convocantes da protesta, cidadáns a título particular que aspiran a constituírse en asociación para reclamar ás Administracións un cambio lexislativo que evite a «indefensión» dos propietarios e permita sacar de forma máis áxil das casas a quen entrou nelas ilegalmente, cos que existe, argumentaron, «permisividade e desidia institucional, que son unha forma de traición».
Os convocantes da protesta aseguraron que o caso de Lago «non é illado, senón o reflexo dun abandondo e dunha inxustiza», e que a okupación «rouba o noso pasado e o noso futuro».
«Cando falamos de casas non falamos de catro paredes e de tellados (…) nin de luxo e especulación, senón de raíces, de sacrificio, traballo e suor dos nosos maiores, que traballaron a terra, emigraron e construíron un futuro para os seus. A okupación é unha ferida aberta e unha falta de respecto. Non queremos que a nosa terra nin as nosas vivendas sexan profanadas nin roubadas», afirmaron.
«A propiedade non é un privilexio, senón un dereito, e a lei debera premiar ao cidadán honrado e castigar a quen non cumpre a lexislación», indicaron, apelando a que «temos que erguer a voz, xuntarnos e crer en nós, porque temos a forza para cambiar cousas (…). Non queremos facer o traballo dos policías nin dos xuíces, nin xerar desorde, senón que se cumpra o estado de dereito. Estase a alterar a convivencia e a okupación afecta directamente ao corazón mesmo do noso sistema de liberdades», remarcaron.
Os asistentes clamaron «aquí non» e fixeron soar os seus chifres nunha protesta que serviu tamén para apoiar á familia -presente na concentración- que sufriu a okupación da súa casa. Tamén se sumou ao acto reivindicativo o alcalde xovense, Demetrio Salgueiro.