Segundo a estimación do Goberno, a revalorización oscilará dependendo do concello entre os 27 e os 43 euros ao mes, ou entre os 378 e os 602 ao ano
06 dic 2025 . Actualizado á 11:53 h.A recta final do ano é un momento importante para os pensionistas, pendentes de cobrar a segunda paga extraordinaria e tamén de coñecer o dato da subida das prestacións que se aplicará a partir do 1 de xaneiro. A ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, avanzou que as de tipo contributivo —aquelas que requiren dun mínimo de anos cotizados— aumentarán un 2,7% de acordo co Índice de Prezos ao Consumo (IPC) medio interanual. Esta porcentaxe aínda non é definitivo, pero serve para facerse unha idea de canto cobrarán o curso que vén os mariñáns que perciben estes subsidios.
Para calcular este incremento poden tomarse como base as pensións medias que documenta o Instituto Galego de Estatística (IGE), aínda que o dato máis recente é o do 2024. A partir desta referencia, compróbase que a revalorización das pensións oscilará como media entre os 27 e os 43 euros dependendo do concello. E é que, loxicamente, ao tratarse dunha subida uniforme, os subsidios máis altos incrementaranse en maior medida, e os máis baixos nunha contía máis pequena.
No 2024 foi a primeira vez que na Mariña todos os concellos superaron a barreira dos 1.000 euros de pensión media. Á cola do grupo están os concellos de Lourenzá e Trabada. En ambos os concellos, a media non se elevará demasiado dese limiar —aquel mileurismo que naceu no 2005 para sintetizar a precariedade laboral de moitos traballadores—, posto que a previsión é que a subida se limite a 27 euros ao mes, ou a 378 euros ao ano —as prestacións cóbranse en 14 pagas—.
En Cervo, onde o peso da industria do aluminio eleva as pensións á maior media comarcal e un dos máis altos de Galicia, as prestacións subirán unha media de 43 euros, o que significa un incremento de 602 euros.
Ás diferenzas entre concellos hai que engadir as de xénero. En todos os termos municipais, elas cobran de media menos. A pensión media das mulleres non chega aos mil euros en Alfoz, Mondoñedo, Lourenzá, O Valadouro, O Vicedo, A Pontenova, Trabada e Ourol, sendo neste último concello a máis baixa (877,07 euros). Deste xeito, en ningún destes concellos superarase a pesar de a subida do 2,7% o listón dos 1.000 euros. En Ourol, o incremento será de 23,67 euros, para superar por pouco os 900.
Municipio / Pensión media actual (€) / Pensión media 2026 (€) / Aumento (€)
Alfoz / 1.068,28 / 1.097,12 / 28,84
Burela / 1.430,13 / 1.468,74 / 38,61
Foz / 1.340,68 / 1.376,88 / 36,19
Lourenzá / 1.009,64 / 1.036,90 / 27,26
Mondoñedo / 1.061,46 / 1.090,11 / 28,65
O Valadouro / 1.099,65 / 1.129,34 / 29,69
Cervo / 1.591,45 / 1.634,41 / 42,96
Ourol / 1.052,71 / 1.081,13 / 28,42
O Vicedo / 1.166,74 / 1.198,24 / 31,50
Viveiro / 1.333,73 / 1.369,74 / 36,01
Xove / 1.427,01 / 1.465,53 / 38,52
Barreiros / 1.167,03 / 1.198,53 / 31,50
A Pontenova / 1.057,76 / 1.086,31 / 28,55
Ribadeo / 1.268,55 / 1.302,80 / 34,25
Trabada / 1.007,84 / 1.035,05 / 27,21