«Teño unha empresa en Vigo que vai ben, pero sigo mirando opcións na Mariña»
VIVEIRO
O enxeñeiro viveirense Pedro López participará no terceiro Foro Económico de Viveiro
18 oct 2025 . Actualizado á 12:24 h.Aínda que leva máis de vinte anos afincado en Vigo, onde é fundador e xerente da empresa Corpus Services, especializada en enxeñería, fabricación, montaxe e mantemento, o enxeñeiro Pedro Manuel López Pernas (Viveiro, 1982) segue moi vinculado á a súa terra natal, onde continúa buscando oportunidades de negocio. «A miña empresa en Vigo vai moi ben, pero sigo mirando opcións na Mariña. Non fai moito que estiven a mirar un taller en Viveiro e estiven en Gondán, en Ribadeo», destaca un profesional que o próximo 25 de outubro, sábado, intervirá no terceiro Foro Económico que promoverá o Concello de Viveiro (Hotel Thalasso As Sirenas, desde as 10.00 horas).
Na súa opinión, o déficit de comunicacións e a falta de persoal cualificado lastran o desenvolvemento dun municipio, e por extensión dunha comarca, cun gran potencial. «Nas cidades é máis sinxelo emprender porque case non necesitas apoios. As comunicacións están ben e consegues persoal sen dificultade», reflexiona. Considera que as administracións deberían favorecer o asentamento de «industrias tractoras para que florezan iniciativas máis pequenas», como a súa. López Pernas emprega a unha media de 15 profesionais que realizan proxectos de soldadura e caldeiraría en aceiro ao carbono, aceiro inoxidable ou aluminio para clientes do sector naval e industrial de toda Galicia.
«Cun pouco de apoio institucional para sacar o foco das grandes cidades, lugares como Viveiro non se baleirarán», Pedro Manuel López Pernas, enxeñeiro viveirense e xerente de Corpus Services, en Vigo
Previamente, el mesmo participou na reforma da estación do AVE de Santiago de Compostela ou na ampliación da Ponte de Rande, en Vigo. «Neste sector traballo hai moito, pero a dificultade para conseguir persoal ou a falta de apoios para instalarse nun sitio como Viveiro é un hándicap importante, así como a falta dunha boa comunicación con zonas máis industrializadas», precisa o enxeñeiro, que estudou nos colexios Noriega Varela e Pastor Díaz (xa desaparecidos) e o IES Vilar Ponte. En Vigo estudou Enxeñería Industrial e de Soldadura, e alí montou xunto con dous amigos a empresa tecnolóxica Vigo Indominus Advanced Solutions, unha start up. «Aquilo foi unha experiencia moi positiva, pero o meu é realmente isto», remata.