De Ninghures, que dará este xoves un concerto en Viveiro: «Animamos a vir con ganas de bailar e pasalo ben porque imos facer un feirón»

VIVEIRO

A cidade do Landro iniciará o día 14 as catro xornadas máis fortes das Festas Patronais de San Roque
13 ago 2025 . Actualizado a las 14:20 h.Antes da pandemia do coronavirus, a Foliada da Fonsagrada, unha cita que xurdiu case de maneira espontánea e que conta xa cun Premio Martín Códax da Música, serviu de nexo ós sete músicos que forman De Ninghures. Unha banda estreitamente ligada á música tradicional galega («nun oitenta ou noventa por cento», din), e que tamén se inspira en músicas africanas ou latinoamericanas, entre outras. «A world music que se di agora», explica Aldara Palmeiro Pazos, membro da formación. Este xoves, 14 de agosto, ofrecerá o primeiro dos grandes concertos das festas patronais do San Roque en Viveiro. Dará comezo ás 00.00 horas na Praza Maior. «Animamos á xente a vir con ganas de bailar e de pasalo ben porque a Viveiro imos facer un feirón», sorrí Aldara, música compostelá de 28 anos.
O nome do grupo é de por si unha declaración de intencións. «Somos sete músicos multi instrumentristas. Tres de Compostela, tres da Fonsagrada e un de Carballo. Coñecémonos na Foliada da Fonsagrada e desde o principio nos levamos moi ben. Creamos un grupo de wasap no que ó principio aínda eramos máis xente, e tocamos xuntos por primeira vez na Foliada de Melide antes do covid, aínda que sacamos o primeiro disco en outubro do 2022», destaca Aldara.

Na cidade do Landro presentarán Feira, o seu traballo discográfico máis recente. «Pasámolo moi ben tocando e actuando xuntos, e pensamos que iso se traslada ó público», subliña a música. «Unha das cousas máis bonitas é que no público hai idades moi diversas. Moitos nenos que se nos achegan, pero tamén moita xente maior que viviu a música tradicional de sempre e que se sorprende coa proposta que facemos. É importante estar orgulloso da túa música», afirma, e anima a acudir a todo o mundo. Coñeza ou non a música tradicional. «Vai haber maneos, muiñeiras... O importante é que a xente vai sorrir, cantar, bailar... Vai ser un feirón!», conclúe.

Pregón de Adrián Ben, Festival de Música Coral e verbena
A primeira xornada das patronais comezará este xoves ás 12.00 horas, co izado de bandeiras, no que tamén intervirán a Banda de Música O Landro, Bágoas da Terra e a Banda Tau. Será no balcón da Biblioteca Municipal.
Ás 12.30 horas, Xigantes e Cabezudos ofrecerán un pasarrúas, mentres que o Dúo Vivarium ofrecerá a sesión vermú ás 14.00 horas nos xardíns Noriega Varela.
Pola tarde, ás 19.30 horas, o atleta olímpico Adrián Ben ofrecerá o pregón das festas na Praza Maior. Ás 21.00 horas, a Coral Polifónica de Viveiro organiza o trixésimo noveno Festival de Música Coral, e a Orquesta Suavecito arrincará coa primeira verbena do ano ás 22.30 horas nos xardíns. Ofrecerá o segundo pase logo do concerto de De Ninghures.