Priscilla Gbenartey, de Ghana a Viveiro: «Quero ser enfermeira, creo que sería moito máis necesaria no meu país que aquí pero alá hai moitos problemas»

VIVEIRO

«Cando cheguei, un domingo, o luns fun a clase sen mochila e non entendía nada de español», lembra do seu primeiro día na Mariña para vivir co seu pai mariñeiro
11 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.Priscilla Gbenartey (Sekondi-Ghana, 2005) naceu nunha rexión con gran cantidade de praias. Desde abril de 2021 vive na Mariña, onde chegou para vivir co seu pai, ao que non vía desde que el chegara a España, sumando agora uns 17 anos dedicados laboralmente ao mar e residindo agora en San Sebastián onda outro fillo. Ela mantén a súa residencia en Viveiro aínda que estuda en Lugo. Lembra o primeiro día que foi ao instituto na comarca, chegando un domingo e o luns comezando xa as clases de cuarto de ESO: «O primeiro día fun a clase sen mochila e non entendía nada nada do idioma español. Cando rematei, fun a Burela para facer auxiliar de enfermería, daquela Erasmus, traballei, e agora estou a facer o Ciclo formativo de Grao Superior de Laboratorio Clínico e Biomédico no Politécnico de Lugo». O seu soño é estudar a carreira universitaria de Enfermería: «Creo que como enfermeira sería moito máis necesaria no meu país que aquí, pero alá hai moitos problemas. Ademais, en África en xeral hai moita división entre países e tribos» «Eu quero facer máis e ter as mellores notas. Téñoas boas e teño bos profesores», apunta. Na súa terra natal asentouse unha base aérea durante a Segunda Guerra Mundial que propiciou a chegada de tropas británicas, por iso é polo que domina o inglés. O seu idioma nativo é o fante, que é o que utiliza para falar coa súa nai. «Aquí a xente tratoume ben», subliña. «Se buscas un bo sitio para vivir, vas estar ben», sinala, aínda que bota de menos o seu país. «Gústame España aínda que se podo, vou ver á miña familia. Aquí só teño ao meu irmán e ao meu pai», di Gbenartey.


As celebracións festivas na súa terra natal distribúense por tribos, igual que en Galicia hai unha festa en cada parroquia. O seu pai pertence a unha tribo chamada Ga e a súa nai á tribo Fante. «Pasa como aquí con Barcelona e Madrid que parece que hai unha competición entre eles», explica a modo de símil para entender a súa idiosincrasia. Os pratos típicos do seu país serían o banku e a sopa de okra, outro chamado fufu con sopa de palma ou varios pratos de arroz denominados jollof ou waakye, este último con plátano e frijoles. «Case todos son ricos», asegura. Cada vez hai máis tendas que atenden as necesidades gastronómicas dos migrantes e a través deses sabores culinarios séntense máis preto das súas raíces, algo de agradecer en todas as comunidades foráneas asentadas na Mariña. Da cociña galega ten claro que gústalle: os callos. «A tortilla española encántame», agrega. O churrasco tamén. «Pero as lentellas nunca as probei e non quero probar», comenta, tras ter experiencia laboral nalgún restaurante local.

«Tes o chip de chegar, traballar e gañar diñeiro para enviar á túa familia»
Non é doado deixar o país atrás e todo o que implica: familia, amigos, estudos, costumes... «A túa casa é a túa casa. Moitas veces é complicado e difícil. Para empezar, aos africanos, que vimos da calor, non nos gusta o frío. En canto chegas na túa cabeza empezas a pensar en ter que traballar e gañar diñeiro para enviar á túa familia. Ese é o pensamento ao vir. É un chip. Desa forma tampouco gozas tanto a vida», apostila salientando que quere viaxar e ver mundo porque «as vacacións son moi importantes e a vida é moi curta». Co IES Monte Castelo de Burela tivo a oportunidade de prácticas en Potenza (Italia) e tamén puido coñecer Exipto. Priscilla é un mozo sen fronteiras, nin físicas nin mentais.