Abre un ultramarinos en Verxeles, Viveiro, que pechará á unha da mañá os 365 días do ano e as fins de semana ás tres

VIVEIRO

Un técnico de ambulancias e unha celadora impulsan unha tenda «estilo cidades»
26 abr 2025 . Actualizado á 15:36 h.A experiencia profesional de Javier Díaz Gómez como técnico de ambulancias, unida ao afán emprendedor que ten xunto coa súa parella, Lara Yáñez Fernández, que é celadora en listas do hospital de Burela, está detrás de Todoenuno365, o ultramarinos local con horario estendido que desde hai pouco funciona en Verxeles, Viveiro. Os sete días da semana abre ás nove da mañá e pecha á unha da madrugada, salvo as fins de semana, cando a apertura se prolonga ata as tres. «Levabamos tempo pensando en montar algún negocio para emprender e na ambulancia sempre vexo que de noite en Viveiro non tes nin onde pillar unha auga máis aló das máquinas de vending ou facerche un bocadillo porque non hai nada. Os súpers están pechados, as gasolineiras igual... En Burela, por exemplo, si que hai tendas con horario estendido», reflexiona.
Atender as necesidades de particulares aos que se lles presenta unha urxencia doméstica fose dos horarios habituais, así como as demandas de traballadores con quenda nocturna (policías, bombeiros, sanitarios, gardas civís, empregados da recollida de residuos...) ou de visitantes que alugan pisos turísticos e chegan por exemplo de noite, é outro dos seus obxectivos. «Cremos que aí hai un nicho importante porque nas cidades hai moitas tendas deste estilo», razoan. Abriron o 11 de abril, «venres de Dolores», coincidindo co inicio da Semana Santa, como destaca Javier: «Nun día vendemos oito escobas, unha chea de pastas e cepillos de dentes, champú, lixivia, deterxentes... a visitantes que chegaron de noite».
«En Viveiro hai moita xente que traballa de noite ou chega de quenda e que se ten unha urxencia non ten onde ir», Javier Díaz Gómez, técnico de ambulancias de 30 anos
«Teremos máquina de tabaco e fotocopiadora, ademais de ser punto de entrega e recollida de envíos», Lara Yáñez Fernández, celadora en listas do Sergas de 27 anos
E están encantados coa localización, nun local que supera os 110 metros cadrados nunha das zonas máis cómodas de Viveiro. «Pensamos en alugar un baixo no casco antigo, pero alí é imposible. Os prezos son inasumibles para emprendedores locais», apuntan.

Horario estendido con produtos e pan locais, artigos de hixiene, servizo de paquetería ou quiosco
Javier e Lara compaxinarán os seus empregos no sector sanitario co ultramarinos de horario estendido en Verxeles. Nel ofrecen xa pan local (de Chavín e de Galdo), así como produtos de horta de proximidade (ovos, patacas, cebolas), ademais de máis de 200 referencias de alimentación envasada (na súa maioría do grupo IFA), outras tantas de chucherías para nenos, bebidas de todo tipo, artigos de droguería e hixiene, servizo de paquetería (recepción e envío) ou quiosco, entre outros moitos. «A idea é converternos nunha referencia e ir ampliando», sosteñen.