
Galdo e San Cibrao acolleron unha festa, o Viveiro Tatoo e un encontro de A Rebolaxe
13 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O local social da Escola Vella de Galdo, no antigo colexio das Monxas, encheuse de troula este sábado coa primeira Festa da empanada e dos bolos preñados que organizou para recadar fondos a comisión de festas patronais do San Pantaleón de Galdo, que se celebrarán os días 27 e 28 de xullo na parroquia viveirense. Durante toda a xornada houbo moita música (Zerna, Alovai, Verónica Cambón, Amigos do Folk de Viveiro e Juanjo Music) e colaborou activamente a Panadería de Galdo, que foi a encargada de cocer as delicias. E a escasos metros, no Pazo da Trave, tivo lugar a segunda edición do Viveiro Tatoo Expo, que reuniu a preto de 65 tatuadoras e tatuadores procedentes de distintos puntos de España e do estranxeiro que achegaron as súas visións sobre o oficio. «Cada vez son máis as persoas interesadas en vivir unha fin de semana conectando coa natureza nun enclave tan especial, mergullándose na cultura que hai detrás deste oficio. O interese por adornar os corpos cunha tatuaxe única segue medrando entre un público que busca algo máis que a superficialidade promovida nos ámbitos máis comerciais do sector», abundan desde Viveiro Tatoo, o estudo que foi fundado hai case unha década e que promove a iniciativa.



Foliada en Cervo
E de Viveiro trasladámonos a Cervo, xa que a Praza dos Campos, en San Cibrao, acolleu a novena Foliada Nordestía. Houbo cantos de taberna, xantar popular, obradoiro de instrumentos a cargo de Xaneco, e concertos con Tumba e Dálle, Xisco Feijoo e A Requinta da Laxe. Organizou A Rebolaxe en colaboración co Concello de Cervo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.