Pídenlle indemnizar con 50.000 euros a dous menores por atropelalos cando conducía bebido

La Voz

VIVEIRO

Juzgados de Lugo
Xulgados de Lugo ALBERTO LÓPEZ

A Fiscalía pide tamén para o acusado seis meses de prisión e a retirada do carné durante catro anos

05 feb 2025 . Actualizado á 14:32 h.

Un home afronta unha pena de seis meses de prisión, catro anos de privación do carné de conducir e unha indemnización duns 50.000 euros para as dúas presuntas vítimas, ambas as menores de idade, por un suposto delito de condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas, con dous delitos de lesións por imprudencia grave. O xuízo polo caso, procedente do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Viveiro, está previsto para o xoves 6 de febreiro, na Sala do Penal 1 de Lugo.

Segundo a Fiscalía, os feitos ocorreron o 27 de marzo do 2021, cando o acusado conducía polo punto quilométrico 86,680 da estrada LU-862, á altura do municipio de Viveiro, «inxerindo previamente bebidas alcohólicas en cantidade tal que minguaban notablemente as súas facultades para manexar os mecanismos de condución do vehículo».

De acordo co escrito de acusación, dous menores de idade que camiñaban pola beirarrúa dereita da calzada cruzaron a vía de forma perpendicular, nun lugar no que non había ningún paso de peóns. «O procesado circulaba a unha velocidade superior á permitida, que era de 50 km/h. A diminución de facultades que o alcol lle producía impediu que tivese unha reacción rápida á irrupción dos menores, arroiando a ambos sen freado nin intento de desviar o turismo», expón o Ministerio Fiscal.

No test de alcoholemia, o procesado deixou resultados de 0,62 e 0,55 mg/litro en aire expirado.

Un dos menores sufriu un traumatismo cranioencefálico, cervicalgia postraumática, e feridas no beizo, restándolle como secuelas algias postraumáticas sen compromiso radicular, e unha hipostesia do beizo inferior que por analogía correspóndese cunha parestesia de partes acras. O tempo de prexuízo destas lesións foi de 177 días, 30 deles de carácter moderado e outros 87 de tipo básico. A Fiscalía pide neste caso 7.073 euros de reparación.

Outro padeceu un traumatismo cranioencefálico leve, hemorraxia subaracnoidea, un hematoma laminar subdural, fractura non desprazada occipital esquerda, fractura aberta de grao 2 da tibia e o peroné esquerdos, factura mediodiafisaria do húmero dereito, ferida incisa en zona retroarticular esquerda, e múltiples feridas contusas. O tempo de curación foi de 715 días, dous deles de prexuízo persoal moi grave, 39 de dano grave, 111 de carácter moderado e 563 de tipo básico. O Ministerio Fiscal solicita para este menor, que foi obxecto de dúas operacións cirúrxicas, unha reparación de 42.242 euros. Restan neste caso como secuelas cicatrices e un trastorno neurótico. Ambos os lesionados móstranse parte e reclaman indemnizacións.