
A comisión destaca o ambiente que houbo na Romaxe do Bo Xantar e agradece o «civismo do 99%» dos romeus
31 ago 2024 . Actualizado á 13:36 h.Finalmente houbo Naseiro, en Viveiro, e os cinco días de festa (máis o Día do Neno) serviron para comprobar que o espírito da cita, declarada de Interese Turístico en 1967, está máis vivo que nunca. Nenos, mozos, adultos e anciáns compartiron mesas e espazo no campo da festa recuperando dalgún xeito unha esencia que nas últimas edicións perdérase en parte debido, entre outros, ás decenas de carriños de comida e bebida que baixaban as cuadrillas. «A xente foi absolutamente agradecida, unha marabilla, súpers cívica nun 99%. Mereceu a pena o esforzo», reflexiona un dos membros da comisión do «novo Naseiro», Pelayo Fernández da Rúa. «Lara [a outra organizadora] e eu estamos esgotados física e psicoloxicamente. Foi un mes moi duro e tamén está o tema da responsabilidade, pero ao final saíu todo ben», indica.
Dous acertos: sesións vermú curtas e música en directo
Un dos acertos foi volver ás sesións vermú curtas. «A xente deunos moi bo feedback. En moitas mesas a xente volveu comer xunta, as caixas de primeiros auxilios estiveron contentos porque o novo horario permitiu organizar mellor comidas e ceas», resalta, e recoñece que o bo tempo tamén axudou. A música en directo xerou momentos inesquecibles, especialmente nas sesións vermú e as verbenas do domingo, coas orquestras Supertop e Platinum, e sobre todo o luns. Ese día actuaron a orquestra Salsarena, de Mondoñedo, que dirixe o saxofonista mindoniense Enrique Veiga e que subiu ao escenario a máis dunha decena de músicos profesionais, e o grupo Arizona, onde tocan dous músicos viveirenses: Julián González Díaz (batería) e Aarón Cazás Bellas (baixista). Ambas as formacións crearon instantes irrepetibles con temas «de onte, de hoxe e de sempre». Sen música enlatada nin reguetón. Un dos instantes máis emocionantes chegou cando un dos solistas de Arizona, o guitarrista Jesús Varela, lembrou con gran cariño ao músico viveirense Óscar Fernández, falecido hai uns meses.
«A xente maior deunos as grazas por pór un pouco de orde. A festa foi moito máis cómoda este ano e cambiou a dinámica do campo da festa. Vías á xente bailando, cantando e saltando. Movéndose, toda xunta. Non estaba 'por parroquias' como outros anos, con cada cuadrilla ao redor do seu carriño», agregou o membro da comisión.
En canto á recollida, a comisión entregou en cada mesa un folleto informativo con datos sobre os lugares onde depositar os residuos e números de teléfono aos que chamar para, por exemplo, a retirada de electrodomésticos. Xa na tarde do martes e o mércores moitos romeus recolleron as súas mesas. A comisión confía que o que queda por recoller sexa retirado o máis axiña posible.