O Real Club Náutico de Ribadeo busca persoal para o seu exclusivo bar con terraza acristalada e cuberta

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

J.A.

Ao establecemento só poderán acceder os socios da entidade e os seus acompañantes

08 may 2025 . Actualizado á 10:46 h.

A apertura dun bar nunha terraza acristalada e cuberta no alto do edifico o Real Club Náutico de Ribadeo, coas mellores vistas á ría, será unha das novidades deste verán na hostalería ribadense. Será un establecemento de entrada exclusiva para os case 1.000 socios do club e os seus acompañantes (con independencia de que sexan ou non socios). A entidade ribadense ten aberto o proceso de selección de camareiros e camareiras que atenderán en local. Os interesados poden enviar o seu currículo á dirección de correo electrónico contabilidad@cnribadeo.com.

Aínda que non transcenderon as condicións económicas dos contratos, o presidente do club, Pablo Fernández, indicou que dado que o bar só abrirá en xullo e agosto, ao ser un contrato de duración limitada en tempada alta, o soldo será en condicións melloradas ás habituais.

A ideal do club é abrir diariamente de once da mañá a once da noite. O local contará con pantalla de televisión para seguir os acontecemento deportivos que se retransmitan. Servirán exclusivamente bebidas, non terá bocadillos nin restauración e concíbese como un servizo para prestar aos socios nos meses en que os establecementos hostaleiros do porto rexistran unha elevada ocupación.

Pablo Fernández manifestou tamén que o bar, así como outras salas do edificio, poderán ser alugadas para eventos privados, con independencia de que sexa para socios ou non socios.