Vicky Álvarez, Ribadense do Ano: «Ribadeo está cheo de vida, é un plan perfecto; ten de todo, ¡e que vistas!»

e. garcia RIBADEO \ LA VOZ

RIBADEO

CEDIDA

Estivo na Cora que fundou o seu pai, traballou na farmacia familiar durante a pandemia, pertence á Asociación de Loita Contra o Cancro e é unha entusiasta do entroido local

17 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Vicky Álvarez Lebredo recibirá o 28 de abril nunha gala de Acisa a distinción Ribadense do Ano. A chamada da presidenta do colectivo notificándolle a elección, polo seu «amor» a Ribadeo e implicación en numerosas iniciativas locais, foi para ela unha grata sorpresa. Así describe a súa reacción: «A miña cara foi de total asombro. Teño que dicir que aínda que o principio estiven un pouco plof, pola sorpresa, agora estou moi contenta e con moito orgullo». «Realmente, _engade_ creo que cando se fan as cousas hai que facelas sen pensar nun recoñecemento ou en conseguir algo a cambio. Esta é a miña forma de ser. Nacín así e morrerei así». Ribadense de nacemento, no ano 1958, é filla de asturiana e ribadense de adopción: «O meu pai veu con 11 meses e envorcouse sempre por Ribadeo, en parte no plano musical pois foi director da Banda Municipal de Música, da Coral Polifónica, da Rondalla... Creo que un pouco iso o vivimos tamén os meus irmáns e eu en casa». A noticia do reconocimento tivo certa repercusión na súa vida cotiá: «Co paso dos días cada vez páiranme máis pola rúa e agora coas redes sociais é... Estou totalmente agradecida».

 Vicky Álvarez pertence tamén á Asociación de Loita Contra o Cancro: «Hai moitos anos que colaboro con ela, pero ata que me xubilei hai dous anos en decembro non podía dedicarme máis por non ter tanta dispoñibilidade entón. É un labor moi graficante, a asociación ten un equipo estupendo e unhas ganas de traballar inmensas. Ademais, Ribadeo responde excepcionalmente a toda canta iniciativa fai a asociación. Ribadeo é moi moi xeneroso». Aproveita para anunciar que do 22 ao 31 deste mes a AECC ribadense instalará o seu tradicional mercadillo na rúa Vello Pancho (antiga droguería Pulpeiro).

«Reivindico a mascarita, por idade e xeración, pero entendo que os que veñen detrás non opinen o mesmo»

A maiores, é unha entusiasta do entroido local desde que era pequena, tal e como lembra: «Levo desde nena disfrazándome soa, en grupos, con amigos... Non tiña reparo en saír soa de mascarita e non perdo ningún ano, salvo por causa de forza maior, de saír disfrazada. Reivindico a mascarita, por idade e xeración, pero entendo que os que veñen detrás non opinen o mesmo». «O mellor do entroido _engade_ son as reunións, pensar que se vai facer, os preparativos... É onde mellor o pasamos. É o bonito». Vicky Álvarez dá na clave, que é a socialización, o contacto coa xente e experimentar conexións con outras persoas máis aló dun lazo de sangue pois, aínda que a familia tamén é moi importante para ela, recalca que o seu círculo de amizades actual nútrena moito: «Os amigos son un luxo e para min, nesta etapa da vida, son fundamentais».

Farmacia familiar

Ademais da faceta da súa vida máis altruísta e ligada ao tempo libre, outra forma de vincularse cos ribadenses foi a través da farmacia que en 1951 fundaría o seu pai, Carlos Álvarez Fernández Cid, sumando sete décadas aberta. Vicky Álvarez traballou nela durante 43 anos: «Empecei creo que con 21 anos, aínda que desde moi pequeniña estiven con el, axudándolle, aprendendo a orde estritamente alfabética, etc. Empecei como auxiliar de confianza e máis tarde, pola enfermidade e posterior morte do meu pai, quedei nun posto de maior relevancia, ata que a miña irmá se licenciou en Farmacia, quedando eu de xefa de persoal, compras, gestions...». E está a parte que citamos da socialización: «Os meus anos de mostrador foron moi frutíferos e a relación cos clientes enriqueceume persoalmente, foi un continuo... Co meu traballo gocei moitísimo». Cúmprense agora mesmo 4 anos do inicio do confinamento pola pandemia, que ela, traballando na farmacia, viviu moi de preto: «Tocoume e foi tremendo para todo o mundo. Eramos oito persoas traballando e fixemos quendas de catro pola mañá e catro pola tarde, sen mesturarnos, indo vestidas de casa e antes de entrar na mesma sacar todo, enrolalo e metelo na lavadora. Tivemos moita precaucción e non collemos o covid na época dura. Dinnos antes, en decembro de 2019 cando viamos tan lonxe aquel caso de Wuhan, que catro meses despois iamos estar pechados e que a pandemia se ía a levar moita xente por diante, que ata pensariamos que era unha película de ciencia ficción. Agora, con todo, penso que todo é posible. Créomo». «Estou orgullosísima de que imos xa pola terceira xeración pois dúas netas do meu pai, María e Rita, seguen coa tradición familiar. A miña filla María é farmacéutica en Madrid e a miña sobriña Rita, filla de Carmen, está na farmacia familiar», finaliza.

Como o seu pai foi tamén director da Coral Polifónica de Ribadeo, a súa gran afección musical pasou aos fillos, a Vicky tamén, cantando nela durante polo menos dez anos, aínda que «a herdeira máis profesional e que seguiu con ese ímpeto na música foi Carmen, a miña irmá», apostila.

«Todos os días o meu recuncho favorito é a ría de Ribadeo»

A Vicky Álvarez cáeselle a baba literalmente falando de Ribadeo: «É unha vila chea de vida. O plan perfecto para as compras e o lecer. Creo que é acolledora e que ten absolutamente de todo: comercios, restaurantes, paseos estupendos, a marabillosa ruta indiana, pasear por San Roque, a cantidade de terrazas que hai, a Torre dos Moreno que é admirable, os atardeceres na ría de Ribadeo que para min son unha delicia e que no verán está chea de veleiros». En particular, sinala este último como un dos seus recunchos favoritos na localidade que a viu nacer e crecer: Gústame todo recuncho que dea á ría. Agora estouna mirando e é sempre distinta: en marea baixa, en marea alta, encallou un buque, enteó un cargueiro, está picadito o mar porque hai nordeste, no ceo aparecen nubes negras, o arcoiris onte... Todos os días é o meu recuncho favorito». Pasou de vivir nun piso no centro ribadense a unha casa cunhas vistas sen igual: «Esta casiña deume a vida na xubilación porque a gozo moito». «A ilusión e as ganas seguen estando na miña e invito a calquera a vir a Ribadeo», suxire a Ribadense do Ano.