A Deputación renovará con CK Senior e Troncoso os contratos de atención das residencias de Ribadeo e Trabada

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

PEPA LOSADA

Eran as empresas que xa viñan prestando o servizo e percibirán 1,5 millóns por un ano

02 jun 2022 . Actualizado á 12:32 h.

As ofertas de CK Senior e de Troncoso Casares foron as mellor valoradas e, en consecuencia, as empresas seleccionadas no concurso convocado pola Deputación de Lugo para contratar durante un ano a prestación de servizos, a atención dos 98 residentes e usuarios dos centros de atención a maiores de Ribadeo e Trabada, que neste último caso conta tamén con centro de día. O orzamento de licitación ascendeu a 1.524.000 euros (IVE incluído), por un ano, desde o próximo 21 de xuño, aínda que coa posibilidade de prorrogar o contrato durante tres anos máis, nese caso a cantidade total ascendía a 5.864.461 euros.

Á falta de completar o expediente, de resolver posibles recursos e de asinar o contrato de renovación do servizo, a elección de CK Senior e de Troncoso Casares implica que non haberá cambios, xa que son as que na actualidade xa están a atender as residencias de Ribadeo e Trabada.

O centro de atención a maiores de Trabada conta con 30 prazas de atención residencial máis outras 20 de centro de día, pero existe unha autorización da Xunta para a ampliación a 39 prazas residenciais, mentres que o de Ribadeo ten 48 prazas residenciais, sen centro de día. O primeiro estaba atendido por Mensaxeiros da Paz, que acordou transferir o seu contrato á firma Troncoso Casares. O de Ribadeo en principio atendeuno Clece, que á súa vez traspasou o servizo á firma asturiana CK Senior Xestión.

Para a residencia de Trabada, a oferta de Troncoso Casares foi a que obtivo maior puntuación, superando ás de CK Senior Xestión e a Mimara Residencial. Adxudicaráselle o contrato por 657.000 euros (licitouse por 683.280). Respecto á residencia de Ribadeo, CK Senior impúxose cunha oferta económica de 808.615 euros (o contrato licitouse por 840.960 euros) ás propostas de Troncoso e Casares, Aralia Servizos Sociosanitarios e Consentise Residencial.

O prezo de licitación do contrato determinouse estimando un prezo de 1.248 euros por praza para as persoas autónomas (30 días) e de 1.440 para os dependentes.