Fran Rodríguez arrasou no Open de Pulsos de Sepúlveda tras 350 días sen competir por paternidade

OUROL

Fran Rodríguez, no máis alto do podio en Sepúlveda co seu fillo Áivar.
Fran Rodríguez, no máis alto do podio en Sepúlveda co seu fillo Áivar.

«Tiña moita gana de subir ao podio co meu fillo», declarou o ourolense, que venceu na divisón de 95 quilos cos brazos dereito e esquerdo, aínda que unha lesión o sacou da loita en campión de campións

15 ago 2025 . Actualizado a las 00:48 h.

A súa recente paternidade e as dificultades propias de adaptarse a unha nova vida en Viveiro non fixeron que Francisco Rodríguez Duarte (Ourol, 1986) perdese a forza nin a maña enriba dunha mesa de pulsos. 350 días despois volveu competir e foi o campión da división de menos de 95 quilos co brazo dereito e o esquerdo no III Open Arm Wrestling Villa de Sepúlveda, na provincia de Segovia. «Tiña moita gana de subir a un podio co meu fillo véndome», proclamou o entusiasta pai de Áivar pouco despois de compartir con el as vitorias.

Unha lesión apartouno da loita por outra alegría na modalidade campión de campións, entre os gañadores de tódolos pesos: «No segundo pulso tiven unha rotura de fibras de segundo grao no brazo esquerdo e non puiden continuar. Deume pena porque creo que podía estar no podio e agora practicamente terei que volver empezar a adestrar desde cero dentro de tres semanas ou un mes».

«Hai que levalo con calma e volverei aínda máis forte», asegura un Fran Rodríguez que retomou a competición «aínda con pouco adestramento», pero decidido a prepararse «a fondo» para unha tempada na que se fixa obxectivos moi ambiciosos. «Quero prepararme ben, ir collendo ritmo, sentirme un pouco máis forte cada vez para ir o vindeiro ano ao Europeo e o Mundial», apunta o deportista ourolense.

O tricampión de España da modalidade xa participou no Mundial de Moldavia no 2024, obtendo un undécimo lugar que o deixou con ganas de máis.