Arrinca a tempada grande de peregrinos»: «Cada vez veñen máis estranxeiros, ata de Corea do Sur», di Ángeles Montero
MONDOÑEDO

O establecemento mindoniense forma parte de «De catedral a catedral» que quere potenciar o Camiño Norte e promove a ruta comezando en Mondoñedo e finalizando en Santiago
08 may 2025 . Actualizado á 13:20 h.«Bastante reservas, son boas», sinala Ángeles Montero ante unha das principais tempadas ao ano na que as boas temperaturas parecen que animan máis a peregrinar, aínda que é un hábito perfectamente practicable 24/7/365. É xerente do primeiro albergue privado que abriu no Camiño Norte, en 2016, como continuación de aloxamento ao hotel do mesmo nome e funcionando desde os 70. Ademais, o establecemento está involucrado na iniciativa de marca que se presentou hai pouco máis dun mes, en abril, baixo o nome «De catedral a catedral» que conta co apoio de comercio, hostalería, restauración e institucións locais e autonómicas, tamén das dioceses tanto de Ferrol como de Santiago. O principal obxectivo é potenciar o Camiño Norte no tramo comprendido entre Mondoñedo, lugar de partida, e Compostela, lugar de destino. «Estamos xusto removendo a iniciativa para dala dalgunha forma dar a coñecer, promocionando un libro de bitácora firmado polo obispo, a nosa propia mascota e a credencial especial, ainda que hai xa xente que o ano pasado empezaba o Camiño en Mondoñedo», indica Ángeles Montero.

Indica que recibe un volume importante de peregrinos estranxeiros: «Dentro destes, vén moito alemán, americano, francés, irlandés, inglés... A todos lles encanta o Camiño Norte». A semana pasada chegoulle un de Corea do Sur. «É unha ruta xacobea dura pero é moi bonito. Ten máis fama o Francés, porque é mais sinxelo de percorrer e é o que primeiro que fai case todo o mundo», engade. «O Camiño Norte _continúa Montero_ é duro pola orografía, porque ten moita montaña. Pero ten encanto. Necesita potenciación por parte da Xunta e do Xacobeo para impulsalo, fronte ao Francés e Portugués que están masificados. Sen embargo, no Norte o peregrino nota que hai menos xente facéndoo que nos outros». Para quen busque menos bulicio é ideal, pero tamén é necesario que se coñeza e trace máis, recoñece ela. Fano persoas en solitario, en parella ou en grupos, en bicicleta ou andando principalmente. Destaca tamén que entre os estranxeiros peregrina bastante xente maior, de 70 e incluso 80 anos.

Aínda que quedan aínda meses por diante, desde o Albergue Montero cre que este vai ser un «bo ano, se por parte da Xunta se potencia o Camiño Norte» e coa esperanza do éxito da iniciativa «De catedral a catedral» que levará este domingo 11 un mes de funcionamento. O pasado mércores había aloxadas 12 persoas no albergue e 7 en cuartos dobres no hotel. «Estamos tendo unha ocupación moi boa este ano», conclúe.