«Cando algún día tes que atender a 60 pacientes, é evidente que algo falla»

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

Carlos Pérez, en una imagen de archivo en el Centro de Salud de Mondoñedo
Carlos Pérez, nunha imaxe de arquivo no Centro de Saúde de Mondoñedo Pepa Losada

Carlos Pérez, con 35 anos en activo e agora xefe de servizo en Atención Primaria en Mondoñedo, valora a escaseza de facultativos

03 jun 2022 . Actualizado á 05:00 h.

A escaseza de médicos de atención primaria é un dos problemas máis graves que afronta a sanidade, que sofren os cidadáns e o propio sistema que se sitúa en épocas puntuais a un paso do colapso. Carlos Pérez, xefe de servizo do Servizo de Atención Primaria de Mondoñedo (que atende a Mondoñedo e Lourenzá), co pouso que dan os seus 35 anos de servizo, achega algunhas claves: «O problema é a carga de traballo. A atención primaria evolucionou moito nos últimos anos. A carteira de servizos dun centro de saúde medrou moitísimo, e iso é moi bo, pero ten que ir da man dos recursos humanos. Cando empecei a traballar había un feixe de médicos no paro. Facías unha interinidade de 9 meses e despois estabas dous anos traballando con contratos espallados. Agora pasamos dun extremo ó outro. Non hai persoal. A profesión non está en crise, pero a xente está queimada pola carga de traballo».

«Isto ten unha solución complexa e me preocupa moito. Require de unha reforma estrutural, con políticas de persoal, coa implicación da administración, os axentes sociais e a cidadanía, que agora percibe que non é atendida como merece polas listas de espera que se xeneran», engade. E máis cando á atención primaria atribúenselle cada vez máis funcións, como porta de entrada ao sistema: «Mudar esta situación vai levar tempo. O 20 % dos médicos de Lugo superan os 60 anos. Agora están fomentando que se pospoña a xubilación, cando fai uns anos era ó revés. Hai moitos bandazos, o que se está facendo é poñendo parches, pero non tomar decisións estruturais cara a solución do problema. Que os médicos que hai agora pospoñan a súa xubilación non é unha solución. Se non hai unha taxa de reposición axeitada, cada vez vai ser peor. Eu, dende logo, se me deixan, xubilareime ós 65».

Carlos Pérez teno claro: «Un é médico toda a vida». Y añade que, pese a todo, «sigo gozando coa profesión, aínda que ás veces non das feito. Con todo, se me deran a elixir, volvería a ser médico. Claro que tal e como van as cousas, se mo preguntan dentro de dous anos non sei se contestarei o mesmo».

«O máis satisfactorio é o contacto coa xente, o sorriso do paciente cando lle resolves o seu problema, cando lle axudas. Cando foi a pandemia houbo un problema. A xente non podía acudir ó centro de saúde, e algúns pensaban que os médicos non estaban facendo nada, cando si estabas coa actividade asistencial que che indicaban as autoridades sanitarias e as xerencias. Aí veuse un pouco deteriorada a imaxe do médico de cabeceira, porque quizais non se trasladou ben o traballo que estabamos facendo».

E agora a escaseza de médicos: «Se tes que atender pacientes cada 5 ou 10 minutos porque tes que atender ós dun compañeiro que falta, estamos a falar ás veces de días de 60 e 70 persoas. A xente así non se sinte ben atendida, porque non das feito, e o risco de erro increméntase».

«Na atención primaria hai unha parte asistencial e hai tamén a da formación, docencia, investigación, prevención. Cal é o problema? Que todo vai para a parte asistencial. Pasamos a 7 horas de traballo na que solo facemos, o que eu chamo coloquialmente, medicina a granel. Esta é unha profesión fermosa, de coidar á xente, pero nestas condicións queima moito. En Mondoñedo antes éramos catro médicos, agora somos tres e un compañeiro vai facer un ano de baixa. Estamos dous e hai días que solo un, e iso é atafegante. Xorden urxencias ás que tes que ir, marchar coa ambulancia, o compañeiro queda solo e cando volves tes 40 pacientes esperando. Así a profesión non resulta atractiva. Este problema vémolo todos, pero os políticos, que teñen a responsabilidade de mover ficha, parece coma se miraran para outro lado. Fanse moitas cousas, novos servizos, protocolos, temos centros de saúde próximos á cidadanía, pero se non tes recursos humanos para desenvolver todo iso, é evidente que o sistema non vai funcionar», conclúe.