Tres feridos en accidentes de tráfico en Foz e A Órrea

La Voz FOZ / LA VOZ

FOZ

No sinistro máis grave, en Cordido, o condutor dun automóbil que se saíu da calzada foi trasladado ao hospital de Burela

04 oct 2025 . Actualizado á 20:51 h.

Tres persoas resultaron feridas o sábado pola tarde en dous senllos accidentes rexistrados en Cordido (Foz) e A Órrea, núcleo de Riotorto que linda coa Pontenova.

O primeiro accidente ocorreu en Cordido, pouco despois das seis da tarde. Consistiu nunha saída de vía dun vehículo no que só viaxaba o condutor, que resultou ferido. Presentaba un corte na cabeza, aínda que as súas feridas non parecían de gravidade. Consciente, foi trasladado en ambulancia ao hospital de Burela. O sinistro tivo lugar na estrada LU-162 de Cangas a Ferreira. Por causas que se descoñecen, o coche, que viaxaba dirección Cangas, saíu da vía, golpeou contra o talude e quedou virado en dirección Ferreira. O impacto foi forte e o vehículo quedou moi deteriorado.

O outro accidente ocorría minutos despois na Órrea. Nun primeiro momento pensouse que era moi grave e mobilizouse aos bombeiros de Barreiros. Nunha primeira alerta falábase de varias persoas feridas e dun falecido. Con todo, ao pouco comprobouse que só dúas persoas resultaran feridas leves, co que, cando se dirixían cara a Pontenova, deuse orde aos bombeiros de que volvesen ao parque.

O accidente ocorreu no quilómetro 48 da N-640. Un dos feridos foi levado ao centro de saúde de Meira e o outro declinou a atención.