A Xunta encarga o proxecto para dragar o porto de Foz

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO FOZ / LA VOZ

FOZ

Xunta

A conselleira anunciou onte os avances na tramitación durante a súa visita á vila

06 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, anunciou onte durante unha visita a Foz os avances na tramitación do dragado do porto co encargo do proxecto para executar unha obra na que investirán un millón de euros. Ademais de responsables municipais, a conselleira estivo acompañada polo presidente de Portos, José Antonio Álvarez.

Villaverde lembrou que a mediados do pasado mes de agosto a Consellería de Medio Ambiente emitiu informe favorable á Declaración de Impacto Ambiental (DÍA) do proxecto de dragado. Inclúe un dragado inicial e outras tres actuacións de mantemento durante catro anos.

A conselleira tamén avanzou que se realizará unha actualización da preceptiva caracterización do material de dragado a través de catas para a identificación dos seus compoñentes. Redactado o proxecto tramitarase a autorización para a vertedura en alto mar ante Capitanía Marítima de Burela e para a achega de area na praia de Altar, ante o Servizo Provincial de Costas. As cantidades totais de area a retirar suman algo máis de 70.000 metros cúbicos.