
Con formación e experiencia no sector, a focense abriu Flor do Toxo, un negocio que ofrece rutas dacabalo: «O que máis veñen son familias»
19 ago 2025 . Actualizado á 23:14 h.Flor do Toxo é, ademais dun proxecto empresarial, unha paixón. A de Teresa Couto Fernández. Aos 22 anos decidiu emprender abrindo un negocio que ofrece rutas dacabalo por Foz e a súa contorna. Pouco despois de concluír os seus últimos estudos creo a empresa que funciona desde principios de xullo cunha ampla oferta de servizos tanto para usuarios con experiencia como sen ela.
Teresa atende a diario a grupos reducidos —un máximo de cinco persoas— e asegura que a maioría, por agora, son persoas que están a gozar das súas vacacións na comarca. Pensando en todos os públicos habilitou distintos servizos; rutas de media hora para menores de 6 anos (e outros que así o desexen) e dunha hora para maiores de idade.
A esas súmanse as rutas de dúas e ata de tres horas. Éa Ruta polos pés de Cornería duns cinco quilómetros; a de subida a Cornería, duns once (2 horas) e a do Paseo de Malates prolóngase durante tres horas.
«O que máis veñen son familias. Nótase que moita xente que ven de fóra quere aproveitar a súa estancia na comarca para facer moitas cousas», explica Teresa, que, aínda que recoñece que aínda é pronto para facer balance, está satisfeita cos resultados e xa planifica ampliar os servizos tamén a dómaa de poldros ou pupilaxes (aloxamento e coidado doutros cabalos no seu centro).

En canto a normativa permita, tamén prevé poder ofrecer a partir de outubro rutas dacabalo polas praias e, principalmente, ten en mente o poder organizar e realizar rutas máis grandes. Entre as súas propostas, a de organizar e ofrecer unha ruta ata Lourenzá —de todo o día—, outra ata Mondoñedo —dous días, con pernoita na cidade episcopal— e estuda facer proximamente unha ruta ata Santiago. Esta última probaraa ela persoalmente e valorará se pode e como ofrecela e, con respecto ás dous anteriores, parte delas discorrerán seguindo o Camiño de San Rosendo.
Nas instalacións de Flor do Toxo, en Vilaronte, residen os sete cabalos de Teresa, nunha zona con prado, cortellos e outros servizos. A emprendedora asegura que, aínda que na súa casa non gañara, ela iniciouse neste sector aos 13 anos e un ano despois xa comezou a montar dacabalo de forma habitual.
Alimentou a súa paixón traballando en distintos establecementos, hípicas e outros centros onde foi adquirindo coñecementos. Á experiencia sobre o terreo suma a súa formación. Tras concluír o Bacharelato, explica, decantouse por cursar un ciclo medio de técnico de Actividades Físicas e Deportivas no Medio Natural. Fíxoo en Grao (Asturias), completando formación sobre equitación, ademais de sendeirismo, etcétera. A maiores, cursou en Salamanca un ciclo superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal, e actualmente segue competindo na disciplina hípica «raid».
Decidiu dar o paso e abrir o seu propio negocio para dedicarse ao que realmente lle gusta e seguindo os métodos e procedementos baixo o seu criterio, tamén en referencia ao coidado, a alimentación e o descanso dos animais. Afirma que ata o de agora «foime ben, non me podo queixar» e confía en que o negocio se vaia consolidando como sucede noutras comunidades.
«Aquí o turismo vai a máis e gustaríame que a xente fora descubrindo pouco a pouco este mundo e se sentira atraído por el», apunta esta emprendedora que traballou duramente para aforrar e investir neste proxecto que tamén promociona en redes como Instagram ou Facebook.