O BNG pide ao alcalde de Foz que informe cales serán as próximas reorganizacións de tráfico nas rúas

La Voz FOZ / LA VOZ

FOZ

PEPA LOSADA

Os nacionalistas tamén pedirán o apoio do pleno para arranxar a Casa do Mar

26 jun 2025 . Actualizado á 12:12 h.

O BNG de Foz defenderá varias mocións hoxe no pleno (20.30 horas). Instarán o Concello a que informe publicamente de cales serán as próximas reorganizacións de tráfico previstas nas rúas, e xustifíqueas, e que realice «todas as xestións precisas, no caso de que aínda non se fixeran, para actualizar nas aplicacións de navegación, os novos sentidos de circulación das rúas».

Aseguran que «veciños e comerciantes están vendo que se están a producir cambios na circulación dos que son coñecedores no último momento, sin saber si estes son definitivos ou provisionais, xa que no Plan de Mobilidade, que en teoría sirve de base para eles, non aparecen exactamente reflexados así en moitos casos».

A outra moción é para pedir melloras na Casa do Mar. Solicitan instar o Instituto Social da Mariña a que faga obras «co obxecto de devolverlle as condicións mínimas de seguridade, salubridade, funcionalidade, accesibilidade e mellora enerxética conforme á normativa actual» e piden ao Concello que informe sobre a situación contractual na que se atopa a base das ambulancias do 061 nese inmoble e «unha mellora lumínica no exterior da Escola de Música, demandada polas nais e pais de alumnos, xunto co resto de usuarios da Casa do Mar».