
A incidencia ocorreu na Rúa Otero Pedrayo, nas inmediacións dunha das rotondas do centro urbano
12 may 2025 . Actualizado á 22:25 h.Unha tubaxe da rede xeral de abastecemento de auga rompeu este luns en Foz. O incidente ocorreu sobre as sete da tarde, na intersección onde comeza a rúa Otero Pedrayo, nas inmediacións dunha das rotondas situadas no centro da capital municipal.
Operarios lograron deter a perda de auga e dar servizo á rede do núcleo urbano en media hora, aínda que a zona, onde foi necesario escavar para chegar ao momento da rotura, quedou valada este luns para acometerse nas próximas horas unha nova intervención, xa que se trata dunha rotura considerable. A vía permanecía á hora de publicarse esta información cortada, e presumiblemente así continuará este martes, á espera de poder arranxar definitivamente o tubo. Os residentes na zona, segundo concretou a Policía Local, terán acceso aos seus garaxes por outras vías habituais.
A incidencia obrigou a regular o tráfico nunha zona moi concorrida, o que fixeron efectivos da Policía Local. Tamén acudiu ao lugar Protección Civil. Foron tamén chamados os Bombeiros de Barreiros, aínda que finalmente non foi necesaria a súa presenza.