Sen descoidarse polas súas obrigacións académicas en Lugo, onde adestra coa Residencia, a súa vítima na loita polo ascenso a Preferente, o canteirán burelense suma 17 goles que valeron 15 vitorias
12 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.Cando o pasado mes de xaneiro o Burela e a Residencia mediron en Lugo as súas opcións de ascenso á Preferente Futgal, Yago Martínez Ramos (Burela, 2005) asinou no minuto 88 o gol que destacaba aos mariñáns no liderado. Estudante de Educación Primaria na capital provincial, nin sequera esa semana faltou a adestrar co club da Cheda. «Adestro con eles todos os martes, estou moi agradecido á Residencia por acollerme como un máis. A verdade é que tras ese partido non quería ir, pero son moi bos rapaces, trátanme xenial», confesa un novísimo futbolista ao que a súa paixón e compromiso converteron en todo un talismán para o equipo verde. Desde o seu debut no primeiro equipo aos 16 anos asinou 17 tantos que facilitaron 15 vitorias.
11 deles, ademais, chegaron no último terzo dos encontros. Ese foi o caso do impoñente cabezazo a un centro de Adri Kun co que o pasado domingo desarmou a resistencia do Puebla na Marosa (1-0). «Estou moi contento por como me están saíndo as cousas. Non sei se o apelido Ramos ten algo que ver en que estea metendo tantos goles decisivos, moitos a balón parado e nos finais dos partidos, pero faime moi feliz ser importante», explica un central reconvertido a mediocentro nas últimas campañas en referencia a Sergio Ramos, o tantas veces salvador exxogador do Real Madrid.
«Son un futbolista dun perfil máis defensivo, pero agora como mediocentro chego con máis frecuencia á área», apunta un dos benxamíns no vestiario verde, que xa estreara a súa conta goleadora este curso nun potente disparo desde fóra da área para achegar a remontada ante o Paiosaco (3-2). A pesar de perderse dúas xornadas ao comezo por unha pequena lesión, Yago Ramos e adaptou ben ao ritmo da nova categoría, do mesmo xeito que os seus compañeiros.
Seis xornadas consecutivas invictos
Tras encadear seis semanas consecutivas sen perder, o Burela xa acumula 18 puntos en dez xornadas e se aúpa ás posicións de play off de ascenso. Un grupo de mozos, a maioría canteiráns, fan posible pensar no que foi un soño prohibido desde o último descenso de Terceira División fai 30 cursos, no 1995-96. Só en dúas ocasións desde entón finalizou a liga nun top cinco da Preferente no que agora se instala.
«É certo que case ninguén esperaba que comezásemos tan ben a tempada, pero levamos varios anos traballando xuntos, co mesmo grupo, e iso fai máis fáciles as cousas. Agora vén un calendario máis complexo, imos xogar cos equipos de arriba, pero eu véxonos capaces de pelexar con todos, manternos nunha situación cómoda e, por que non pensar en estar arriba? A solución para gañar partidos é manterse nun ritmo alto», revela un mediocentro que conta coa plena confianza do seu adestrador, José Manuel Arca, Oke. Tras ser titular e xogar 73 minutos na xornada inaugural ante o Sigüeiro (1-1), disputou completos os sete últimos partidos.
«É moi bonito o proxecto que temos no Burela, con moita xente da casa e cinco ou seis xogadores de Viveiro aos que xa coñecíamos de xogar contra eles e, incluso, eran amigos», engade un Yago Ramos disposto a manter a alta esixencia durante o seu segundo curso universitario en Lugo para manterse entre os baluartes dun Burela en plena forma. «Todo me está indo moi ben, tanto a nivel académico como deportivo. Organízome para poder atender a todo. Os martes adestro coa Residencia, os xoves vou correr ou traballo algo de físico, incluso algunha semana xa baixo adestrar en Burela, e os venres xa fago a sesión co resto do equipo», detalla un aplicado futbolista de 20 anos decidido a seguir entregándose á camiseta verde do Burela cada domingo.