O dirixente da Xunta reuniuse con representantes da OPP burelense e de Porto de Celeiro
23 oct 2025 . Actualizado á 20:46 h.O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, mantivo este xoves un encontro de traballo coa Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-77), para abordar as necesidades da entidade e analizar as iniciativas promovidas pola Xunta, «como —asegura o Executivo galego— o plan de produción e comercialización, un instrumento considerado clave para estas entidades, no senso de asegurar o relevo xeracional, a estabilización dos mercados e a identificación e coordinación das súas actividades, mellorando a comercialización e o rendemento económico». A partida autonómica para este ano é de 2,8 millóns. Rial estivo tamén en Viveiro, acompañando aos responsables da entidade Porto de Celeiro nunha visita á lonxa, onde asistiu á poxa da primeira hora da mañá. Co sector pesqueiro celeirense departiu así mesmo para coñecer as súas demandas.