O Concello de Burela instalará cámaras de videovixilancia en varias rúas para mellorar a seguridade

BURELA

Aseguran que permitirán o control permanente do tráfico as 24 horas do día e axudarán a reforzar a protección dos veciños
25 sep 2025 . Actualizado á 09:48 h.Nos próximos días comezará a instalarse en Burela un sistema de videovixilancia en distintas rúas municipais co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, tanto de vehículos como de peóns. Tamén permitirá reforzar a protección veciñal.
Desta forma, o Concello de Burela segue os pasos dados polo de Ribadeo, que a pasada primavera instalou as primeiras cámaras de videovixilancia e de gravación en espazos da vía pública.
A alcaldesa burelense, Carmela López adiantou que se instalará máis dunha decena de cámaras de última xeración «que inclúen equipos con lectura de matrículas, dispositivos robotizados e cámaras fixas». Permitirán o control permanente do tráfico as 24 horas do día, «servindo como apoio para ordenar a mobilidade e reforzar a seguridade viaria no casco urbano e tamén axudarán a mellorar a protección da veciñanza, tanto no tránsito de vehículos como na seguridade das persoas que camiñan polas rúas».
A rexedora considera que será unha ferramenta máis para apoiar o traballo da Policía Local «no control do tráfico e na resolución de incidencias. Non falamos dun sistema que multe automaticamente nin que estea pensado para sancionar, senón para reforzar a seguridade e a tranquilidade cidadá».
Outra das funcións do sistema de videovixilancia será a investigación de incidencias, «xa que posibilitará a busca de vehículos por matrícula, marca, modelo ou cor, algo especialmente útil en casos de danos, accidentes ou infraccións sen testemuñas», remarcou a rexedora.
Aínda que a instalación das cámaras comezará proximamente, desde o Concello xa avanzaron que as robotizadas «podrán orientar o seu enfoque en tempo real, ofrecendo apoio en eventos ou situacións concretas e as imaxes recollidas poderán empregarse tamén como proba en casos de delitos ou infraccións administrativas, como condutas incívicas, pintadas ou roubos».
López manifestou que é unha ferramenta «para gañar en tranquilidade (...) Queremos que Burela siga sendo unha vila tranquila, ordenada e protexida».