Os pioneiros do cátering reforzan a súa expansión cunha nave industrial e novos proxectos

BURELA

A empresa burelense Twity, con 25 anos de traxectoria, constrúe en Cuíña novas instalacións para ampliar a súa produción, pór en marcha novas elaboracións e empregar máis produto pesqueiro local
20 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.O nome de Twity está ligado na Mariña ao sector do cátering. Foron pioneiros no seu día na súa especialidade e este ano, cando cumpren o seu vinte e cinco aniversario, continúan crecendo e con proxectos de expansión. Nesta etapa, a firma con sede en Burela foise reconvertendo e adaptando ás demandas de cada momento. Agora dá outro novo paso, necesario para aumentar a súa produción e pór en marcha novas iniciativas.
A empresa promove a construción no polígono de Cuíña, en Cervo, dunha nave industrial, con equipamento de cociña e frío, co obxectivo de dispor dunhas instalacións con capacidade suficiente que lle permitan o crecemento da súa actividade, ampliando e adecuando espazos de traballo, e modernizando equipamento e maquinaria. As melloras permitirán tamén fomentar o incremento de consumo de produto pesqueiro local e a posta en marcha de novas elaboracións e presentacións.
«Decidimos dar o paso para facer unha cociña industrial. O local quédanos pequeno. Nos últimos anos fomos crecendo e non temos espazo suficiente para ir introducindo nova maquinaria», recoñece Isaura Arias, a cargo da empresa que, entre persoal de cociña e repartidores, rolda os nove ou dez empregados. Confía en poder dispor da nave que se constrúe en Cuíña a finais de ano.
«Non somos un cátering como outros. Non somos cátering de vodas nin de celebracións, o noso son comidas sinxelas, caseiras. Levamos comedores dalgún colexio, centros de día...», indica Isaura. En Twity tamén ofrecen menús do día (con sal ou sen sal), menús para empresas, bonos... «Hai xente que come todo o ano connosco», reflexionaba recentemente esta empresaria que cre que no mundo da hostalería «aínda hai moito mercado para abrir, para buscar saídas».
O proxecto de construción e equipamento das novas instalacións figura entre os aprobados neste exercicio como produtivos e con subvención na convocatoria do GALP A Mariña-Ortegal. Busca dotar á empresa de capacidade suficiente para permitir o crecemento da actividade durante os próximos anos.
«A nova capacidade podería permitir incluso triplicar a produción actual, se ben o obxectivo nos primeiros anos non é tan ambicioso», recolle a documentación que manexa o GALP. A modernización do equipamento e a maquinaria permitirá, acompañando a un incremento de produción, dar un salto importante en eficiencia. E, en canto ao incremento da utilización e comercialización do produto pesqueiro local, podería acadar o 15% do volume de compras de materia prima.
Alimentos e menús de quinta gama, entre os plans de futuro
O investimento en novas instalacións e maquinaria que executa Twity permitirá a medio ou longo prazo introducir novas elaboracións e presentacións. Entre elas, unha nova gama de menús para a súa comercialización en frío; alimentos de quinta gama. Consiste en elaboracións que se envasan e distribúen en frío tras un proceso de pasteurización ou ultracongelación, e que están preparados para consumirse tras ser quentados ou sometidos a uns últimos minutos de cocción. O incremento do uso de produto pesqueiro tamén irá ligado a esta gama.
Arias aclara que é un proxecto a futuro, pero para o mesmo quedarán adaptadas as novas instalacións. Na resolución do proxecto recóllese que o deseño e introdución de produtos de quinta gama poderá representar ao redor dun 25% da actividade en cinco anos.