O valor medio dos inmobles varía na Mariña ata en 33.000 euros, con Burela á cabeza da provincia
BURELA

No municipio burelense, a media supera os 51.017 euros, mentres que en Trabada sobe por pouco dos 18.000
11 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.Os valores catastrais das propiedades, habitualmente inferiores aos prezos do mercado, son importantes para a recadación dos Concellos, xa que o Importe de Bienes Inmobles (IBI), unha fonte de financiamento fundamental para as arcas locais, calcúlase multiplicando dita referencia polo valor impositivo en vigor de cada termo municipal. Os factores que concorren na fixación desta contía son a localización, as características do ben —xa sexan naves, vivendas ou outro tipo de edificacións— ou a súa utilización. Na Mariña, a diferenza entre concellos na media destes valores, segundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), relativos ao curso 2024 e extraídos da Dirección Xeral do Catastro, pode acadar os 33.000 euros.
Lidera o ránking da Mariña neste apartado, e tamén o da provincia, un concello poboado, de gran desenvolvemento nas últimas cinco décadas e puramente urbano como Burela, onde o valor catastral medio dos inmobles é de 51.017 euros, unha cifra significativamente superior á media autonómica (35.121 euros). A nivel galego só están por amais do concello burelense os termos municipais de Bergondo (85.924), Santiago de Compostela (79.992), Arteixo (73.512), A Coruña (60.432), Sada (60.529), Cambre (55.874), Redondela (53.430), Teo (53.419), Betanzos (52.166) e Nigrán (52.005 euros).
Nos primeiros postos en todo o territorio lucense, por detrás do municipio burelense, figuran Begonte (49.850), Portomarín (46.931), Rábade (44.204) e Lugo (42.243 euros). Unicamente estes cinco concellos superan os 40.000 euros de media.
Tras Vilalba (38.139 euros) e Monforte de Lemos (33.350) aparece Foz, o segundo municipio mariñán co valor catastral medio máis alto (32.373 euros). En Meira, a media acada os 30.459 euros, e por detrás sitúanse outros dous concellos da Mariña, Ribadeo (30.406) e Cervo (27.776 euros). Todos estes municipios superan a media provincial, que se sitúa en 27.713 euros.
Xusto por baixo atópase o concello de Viveiro, cun valor medio en canto ao catastro inmobiliario urbano de 27.386 euros. Xove tamén supera a barreira dos 25.000 euros (26.432).
En Alfoz, o valor catastral medio é de 24.604 euros; en Barreiros, de 22.428; en Mondoñedo, de 23.949; en Ourol, de 23.322; no Valadouro, de 23.925; en Lourenzá, de 19.610; na Pontenova, de 19.931; e no Vicedo, de 19.759. Á cola da Mariña está Trabada, con 18.103 euros de media, 32.914 menos que en Burela.
Evolución
Como evolucionaron estes valores? De ter en conta os datos do curso 2014, as medias incrementáronse na maioría dos municipios. Paradoxalmente, esta referencia estatística baixa en Burela, onde se situaba por amais dos 54.000 euros. Tamén se encolleu en Xove, onde a media estaba nos 34.652 euros.
En Alfoz, o valor catastral medio dos inmobles incrementouse durante este período en 10.273; en Barreiros, en 3.336; en Foz, en 11.534; en Lourenzá, en 2.222; en Mondoñedo, en 1.061; no Valadouro, en 2.199 euros; en Cervo, en 10.870; en Ourol, en 2.797; no Vicedo, en 1.317; en Viveiro, en 3.842 euros; na Pontenova, en 8.001; en Ribadeo, en 7.004 euros; e en Trabada, en 4.703.
Número de inmobles
En canto ao número de inmobles, o catastro inmobiliario urbano documenta no municipio de Alfoz un total de 1.708 unidades; en Barreiros, 7.600; en Burela, 9.424; en Cervo, 7.556; en Foz, 17.356; en Lourenzá, 3.916; en Mondoñedo, 7.209; en Ourol, 1.504; na Pontenova, 3.928; en Ribadeo, 12.046; en Trabada, 1.591; no Valadouro, 2.447; no Vicedo, 5.955; en Viveiro, 20.308; e en Xove, 5.090.